Estudantes de dez nacionalidades incorpóranse este cuadrimestre ao campus

A cifra de alumnado de intercambio ascende este curso académico a 64
Por o 28/01/2019 | Sección: Galicia,Ourense,Universidade de Vigo
Estudantes de dez nacionalidades incorpóranse este cuadrimestre ao campus

Este xoves o campus de Ourense deu a benvida ao alumnado estranxeiro que este cuadrimestre estudará nas súas facultades e escolas ao abeiro de diferentes programas e convenios de intercambio. Trátase de 26 estudantes de dez nacionalidades que, uníndose aos 28 que estiveron no primeiro cuadrimestre e aos dez que están durante todo o curso, elevan a 64 as alumnas e alumnos que este 2018/2019 conforman a faciana máis internacional do campus ourensán.

No acto de benvida institucional o alumnado estranxeiro recibiu información sobre as instalacións deportivas e académicas, a oferta de actividades e os cursos de idiomas, entre outras cuestións, ademais de realizar unha visita guiada ao campus e unha comida de confraternización. Mª Isabel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, acompañada de Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, foi a encargada de dar a benvida a este alumnado. A elas e eles Mª Isabel Doval destacoulles como a Universidade de Vigo acadou este curso unha cifra de alumnado estranxeiro de intercambio “histórica”, superando os 700 alumnos e alumnas. “Este cuadrimestre o reto que nos propuxemos é fomentar que o alumnado estranxeiro se relacione co local, que se mesturen na vida académica. Isto é positivo para os estranxeiros, porque teñen unha experiencia máis rica e non se pechan entre eles, pero tamén para os estudantes propios, xa que así poden vivir unha experiencia de internacionalización e multicultural sen saír fóra”, comentou Mª Isabel Doval.

Centros e nacionalidades

Este cuadrimestre as e os 26 estudantes que se incorporan ao campus de Ourense pertencen a dez nacionalidades diferentes. Por países de orixe, encabeza a lista Portugal, con sete estudantes, e Brasil e Turquía, con catro cada un deles. Séguenlle, con dous estudantes de cada un destes países, Italia, Chile, México e Arxentina. Pechan a lista, achegando cada un deles un alumno ou alumna, Bulgaria, República Checa e Alemaña. Por centros de destino, a Facultade de Ciencias da Educación é a que máis alumnado estranxeiro recibe este cuadrimestre, dez en total. Séguenlle Ciencias Empresariais e Turismo, con seis; Ciencias, con catro, e Dereito, con tres. Pola súa banda, Historia, Enxeñaría Informática e Enfermaría reciben cada un deles un estudante.

Sumando os datos do segundo cuadrimestre aos do primeiro pódese ver que no conxunto do curso académico 2018/2019 a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo é o centro que máis estudantes estranxeiros recibiu, 20 en total. Séguelle Ciencias, con 19; Ciencias da Educación, con 15; Historia, con cinco, e Dereito, con tres. Pechan a lista Enxeñaría Informática e Enfermaría, con un cada un. Por nacionalidades, son 13 os países de orixe do alumnado estranxeiro que este curso académico elixiu o campus de Ourense para estudar un ou varios cuadrimestres. Encabeza a lista Italia, con once estudantes; Francia e Turquía, con nove cada un; Portugal e México, con oito cada un; Alemaña, con seis; Brasil, Arxentina e Chile con tres cada un; e Bélxica, Bulgaria, República Checa e Exipto cun estudante cada un deles.

As boas primeiras impresións

Entre o alumnado que este xoves se achegou ao acto de benvida estaban as lusas Maria Vieira, Joana Gonçalves, Marina Silva e Sara Cruz, catro amigas procedentes de Leiria, no centro de Portugal, que escolleron Ourense como destino da súa aventura no estranxeiro, que comezaba onte coa súa chegada á cidade. Elas incorpóranse á Facultade de Ciencias da Educación, ben en Educación Social ben en Traballo Social, coa convicción de que a súa estadía lles permitirá afondar nas súas áreas de coñecemento, alén de mellorar o seu castelán. “Acabamos de chegar pero o que temos visto gústanos moito”, comentaba Maria no acto de benvida.

Da outra beira do Atlántico proceden estudantes como o brasileiro Rodrigo Sanchotene. Chegado de Porto Alegre, onde cursa Enxeñaría Ambiental, estará este cuadrimestre na Facultade de Ciencias realizando o Grao en Ciencias Ambientais. “Escollín esta universidade xa que un amigo moi achegado estivo en Vigo en Ciencias do Mar e recomendoume vir”, sinalou o estudante no acto de benvida. Despois dunha semana en Ourense destacaba as súas primeiras boas impresións dunha cidade “que me encanta, pois é pequena e podes facer todo andando” e dun campus do que lle sorprenderon “as súas instalacións de deportes e edificios”. Neste cuadrimestre, Rodrigo agarda “aprender español e compartir con xente doutras culturas”. Xa de Arxentina e igualmente satisfeita pola elección de destino feita estaba este xoves a arxentina de orixe armenio Gariné Morcecian, que estudará na Facultade de Dereito. No seu caso, entre a posibilidade de Madrid ou Ourense, dixo, elixiu a segunda “porque me pareceu máis tranquila, máis segura e con máis natureza”. “Encántame o que vin ata o de agora”, afirmou.

Comentar noticia

Your email address will not be published.