Estudantes de Moaña interésanse pola xestión dos residuos sanitarios do Álvaro Cunqueiro

Un grupo do IES As Barxas de Moaña coñeceron no Álvaro Cunqueiro o seu Plan de Xestión Avanzada e Ecolóxica, para a correcta clasificación dos residuos e o seu posterior tratamento
Por o 19/06/2019 | Sección: Galicia,Sanidad,Vigo
Estudantes de Moaña interésanse pola xestión dos residuos sanitarios do Álvaro Cunqueiro

Un grupo de estudantes da materia de Cultura Científica de 4º da ESO do IES As Barxas de Moaña, acompañados dos seu profesor, visitaron o hospital Álvaro Cunqueiro, onde os técnicos explicáronlles o Plan de Xestión Avanzada e Ecolóxica que se desenvolve na área sanitaria co obxecto de realizar unha correcta clasificación dos residuos para o seu posterior tratamento.

O subdirector de Procesos Asistenciais de Enfermaría e coordinador do Comité de Sustentabilidade ambiental da EOXI de Vigo, Xoan Hermelo, asegurou que “o Álvaro Cunqueiro é un referente no conxunto do Sistema Nacional de Saúde polo seu compromiso medioambiental, xa que é o primeiro edificio sanitario recoñecido pola prestixiosa certificación internacional “Breeam Es”, que acredita as edificacións máis esixentes en materia de sustentabilidade, eficiencia enerxética e respecto polo medio”-.

O Plan de Xestión Avanzada e Ecolóxica permite que o papel, cartón ou o plástico poidan ser reciclados con garantías, e só se eliminen con procedementos especiais aqueles realmente perigosos ou tóxicos que puidesen entrañar riscos para a saúde pública ou medioambientais, como son os biocontaminados, os citostáticos e restos de químicos.

Os hospitais do CHUVI dispoñen de locais específicos para o almacenamento dos residuos. O 75% dos mesmos son xerados no hospital máis grande, no Álvaro Cunqueiro, que dispón dunha gran nave, específica e exclusiva para o almacenamento e xestión de residuos, emprazada lonxe do edificio central e de fácil acceso e manobra, que conta con dúas compactadoras, e diversos contedores para os diferentes tipos de residuos. Este dispositivo facilita a realización dunha xestión dos residuos moi segregada e diferenciada para o seu posterior tratamento.

Comentar noticia

Your email address will not be published.