Estudantes de sete países finalizan no campus un curso sobre lingua e cultura galegas

Organizado pola Área de Normalización Lingüística
Publicado por o día 12/12/2017 na sección de Universidade de Vigo

Estudantes de sete países finalizan no campus un curso sobre lingua e cultura galegas

Tres persoas chinesas, dúas alemás, unha estadounidense, unha cubana, unha finesa, unha francesa, dúas inglesas, unha polaca, unha ucraína e unha peruana. A Área de Normalización Lingüística volveu organizar un ano máis o Curso de Extensión Cultural de Lingua e Cultura Galegas, unha actividade que lle dá ao alumnado internacional a oportunidade de achegarse a Galicia, as súas paisaxes e as súas xentes. Arrancaron o pasado mes de setembro e rematan esta semana, na mochila levan algo máis de coñecemento da terra que os acolleu estes meses e innumerables experiencias dos momentos vividos nas clases e nas diferentes excursións realizadas pola xeografía galega, desde a fervenza do río Toxa, ata Combarro e a costa da Vela e centros históricas de vilas como Tui ou Ribadavia.

Matriculados en diferentes graos de Filoloxía e Tradución, Enxeñaría Industrial, Ciencias Económicas e Empresariais e Ciencias Xurídicas e do Traballo, case todas e todos teñen entre 20 e 23 anos. “Ao alumnado estranxeiro interésalle o curso porque lle atraen as linguas e as culturas distintas á súa. Iso dálles motivación”, afirma a docente María Fernández, quen leva xa varios anos facéndose cargo desta actividade. A programación das clases combina o ensino da lingua galega coa presentación dos elementos básicos da cultura de Galicia, facendo un percorrido histórico pola súa xeografía, a súa tradición artística e os seus costumes. A literatura, a arquitectura e a música foron constantes no curso, se ben a profesora optou por centrarse nos contidos lingüísticos porque, tal e como sinala, “funcionaban mellor”. Neste senso, a alumna francesa Tiffany Deniau observa unha gran similitude entre o galego e o francés, “que ao principio me sorprendeu, pero que logo me permitiu comprender os textos galegos con maior facilidade”, afirma.

Para a cubana Tamara Gutiérrez, outra das alumnas do curso, “o galego oral é moi bonito. Ademais, ten moitas palabras e expresións en común co español de Cuba, o que o fai máis doado”. Entre as cousas que espertaron nela un maior interese está a gastronomía e, máis concretamente, toda a cultura que hai arredor do viño. “As clases de María son excepcionais, e nelas espertou a miña curiosidade por probar non só os diferentes pratos típicos, senón tamén os viños propios do país”, destaca.

Saídas coas que achegarse a enclaves míticos

Nas diferentes saídas os e as estudantes coñeceron lugares como o mosteiro de Oseira, con oito séculos de antigüidade e unha arquitectura intacta que non deixou de sorprendelos, e os cascos antigos de Tui e Ribadavia, concello ourensán onde visitaron O Papuxa, unha emblemática taberna da vila que data do século XII. Pero a visita preferida da maioría foi, segundo a docente, a da fervenza do río Toxa. Tamén deu que falar a viaxe a Combarro, lugar que unha das estudantes describe como “unha vila cunha historia apaixonante e cunha arquitectura moi típica e especial”. Ademais, houbo sitio para o turismo realizado na propia cidade de Vigo, onde visitaron o parque de Castrelos e fixeron un percorrido polo monte do Castro e o centro urbano.

Ademais dos estudantes inscritos no campus de Vigo, ás saídas tamén foron varias persoas que se anotaran para facer o curso no campus de Pontevedra, pero que finalmente non puideron realizalo ao non acadar o mínimo de 15 solicitudes necesarias para impartir as clases nesta cidade. “É unha auténtica mágoa, pois o alumnado de Pontevedra era magnífico e amosaba moito interese”, lamenta Fernández. Dos alumnos que puideron facer o curso no campus de Vigo, a profesora Fernández afirma que, a piques de concluír a actividade, observa unha “significativa mellora” na súa competencia en lingua galega respecto ao inicio do curso, en parte motivado polo “seu grande interese en aprender galego”.