A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa alcaldesa de Marín, María Ramallo, supervisou hoxe as obras de humanización da rúa Concepción Arenal, cuxa 1ª fase se atopa xa ao 30 % da súa execución, o que permitirá que estea finalizada en setembro.
Vázquez Mourelle lembrou que estes traballos están enmarcados nun convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello que posibilitará a realización dunha actuación integral que no seu conxunto suporá un investimento de 1,6 millóns de euros, do que o 80 % é achegado polo Goberno galego.
A humanización desta antiga estrada autonómica está a executarse en dúas fases. Na actualidade, avanza a primeira, que se corresponde coa metade da actuación.
Os traballos consisten na reordenación do espazo da estrada, de cara a dotar de máis amplitude as beirarrúas e facilitar o tránsito dos peóns, incrementando a seguridade viaria. Tamén se reordenarán os aparcadoiros e a zona de carga e descarga e se acometerá unha renovación dos servizos e do mobiliario urbano.
Unha vez finalizada esta primeira fase, o Concello de Marín acometerá as obras da 2ª fase, que xa foron licitadas en marzo e se están a avaliar as ofertas.
A responsable autonómica de Infraestruturas subliñou que a Xunta e o Concello de Marín están a sumar esforzos para actuar neste treito urbano co fin de gañar espazo para as persoas e achegar unha vía máis cómoda, segura e humana nos desprazamentos cotiás.
Aposta pola seguridade viaria
Indicou que a Xunta continúa apostando pola seguridade viaria e no caso do Concello de Marín está destinando a esta materia un orzamento duns 5 millóns de euros.
Puxo como exemplo a eliminación dun treito de concentración de accidentes en Bueu, cun orzamento dun millón de euros, que tamén beneficiará aos veciños de Marín.
Recordou que tamén avanza o desenvolvemento do Plan de Sendas de Galicia, que recolle a execución de 4 itinerarios peonís e ciclistas neste municipio, cunha achega económica de máis de 2,6 millóns de euros.
Sinalou que o Consello da Xunta de onte aprobou o decreto de utilidade pública da senda Coirados- Pardavila para poder licitar as obras este ano. Engadiu que tamén hoxe o Diario Oficial de Galicia publica o inicio da información pública da continuación desta senda, entre Pardavila e Cadro.
Concretou que a Xunta está supervisando o proxecto da senda Bagüín-Seixo e xa están avanzadas as obras da senda Vilaseca- Lapamán, que estará á disposición dos veciños e dos turistas no mes de setembro.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.