Ethel Vázquez avanza que desde mañá someterase a información pública a eliminación dun treito de concentración de accidentes na estrada PO-551, no concello de Bueu, cun investimento de máis de 1,3 millóns de euros

Indica que este trámite se publica mañá no Diario Oficial de Galicia, prevendo este mesmo ano as expropiación necesarias para a súa execución
Publicado por o día 21/05/2018 na sección de Bueu,Galicia,Xunta de Galicia

Ethel Vázquez avanza que desde mañá someterase a información pública a eliminación dun treito de concentración de accidentes na estrada PO-551, no concello de Bueu, cun investimento de máis de 1,3 millóns de euros

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que mañá someterase a información pública a eliminación dun treito de concentración de accidentes na estrada PO-551 ao seu paso polo Concello de Bueu, cun investimento de máis de 1,3 millóns de euros. Unha actuación de mellora da seguridade viaria que, tal e como subliñou, busca promover unha contorna urbana cada vez máis segura ao tempo que se incide na mellora da mobilidade dos veciños.

Vázquez Mourelle, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, reuniuse hoxe co alcalde do concello de Bueu, Félix Juncal e representantes da corporación municipal, para explicar as actuacións previstas para reducir a sinistralidade na estrada que comunica Marín con Rande, a PO-551, ao seu paso polo termo municipal.

Indicou que o proxecto, que se pública mañá no Diario Oficial de Galicia, fixa o prazo para que os interesados fagan as súas propostas e suxestións ao mesmo ata o vindeiro 3 de xullo, prevendo este mesmo ano as expropiación necesarias para a execución das obras que se licitarán no primeiro semestre de 2019.

Trátase, sinalou, de actuacións encamiñadas a eliminar o treito de concentración de accidentes existente, pero que tamén se van a estender ao longo duns 3 km máis, co obxectivo de reforzar a seguridade nunha das estrada máis importantes do Morrazo. Esta vía, incidiu, atravesa numerosos núcleos de poboación; concentra nas súas marxes unha intensa actividade comercial e de servizos, e rexistra unha alta intensidade de tráfico: preto de 9.000 vehículos ao día de media.

Segundo detallou a conselleira, o proxecto para a eliminación do treito de concentración de accidentes de Bueu prevé a construción de 2 glorietas, no acceso á praia de Lapamán e na intersección existente cunha estrada provincial, preto da baixada á praia de Agrelo, onde tamén se mellorará a intersección.

Tamén inclúe unha serie de actuacións complementarias, como a limitación da velocidade a 50 km/hora no treito entre as dúas glorietas e o reforzo da sinalización dos pasos de peóns nas parroquias de Cela e de Bueu, instalándose semáforos intelixentes.

Neste senso, a conselleira sinalou que cos traballos de reforzo do firme e mentres se tramita o proxecto para reducir a sinistralidade na estrada que comunica Marín con Rande, vaise reforzar xa, de forma inmediata, a sinalización dos pasos de peóns.

A titular de Infraestruturas avanzou que tamén se licitará en poucas semanas a execución da senda que dará acceso á praia de Lapamán, dando continuidade á proxectada en Marín: Vilaseca-Lapamán, incluída no Plan de Sendas do Morrazo, cofinanciada co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder)..

Máis intervencións nos treitos de concentración de accidentes

Ethel Vázquez referiuse a outros 3 proxectos na PO-551 para a supresión dos treitos de concentración de accidentes, ademais deste de Bueu, e que se enmarcan na estratexia do seu departamento para ter eliminados os 52 existentes nas estradas autonómicas, nesta lexislatura.

Concretou que no mes de xuño o seu departamento iniciará a redacción do proxecto de eliminación de 2 “puntos negros” existentes en Cangas, e sinalou que o pasado venres finalizou o prazo de información pública dos 2 treitos de concentración de accidentes de Domaio, no concello de Moaña.

Vázquez Mourelle adiantou ademais que se ten ultimando o deseño das actuacións para a supresión doutro treito en Tirán, coas achegas dos veciños do Concello de Moraña, cuxo proxecto será sometido a información pública en xuño.

Salientou os traballo do seu departamento para que as estradas da comarca sexan cada vez máis seguras, para o que está a desenvolver actuación como a eliminación dos 6 treitos de concentración de accidentes da PO-551, ás que se destinan 3,7 millóns de euros.

A estas intervencións, dixo, hai que sumar as obras de reforzo do firme nas estradas da comarca por 1 millón de euros, iniciándose hoxe mesmo as das estradas PO-551, PO-315 e na variante de Marín

Tamén, lembrou, as inversión da consellería no Plan de Sendas de Galicia na comarca do Morrazo, cun investimento de 3,13 millóns de euros.

En definitiva, concluíu, con estas intervencións, a consellería destina 7,8 millóns de euros máis á seguridade viaria no Morrazo, logo da posta en servizo dos dous primeiros treitos da Autovía, o pasado 11 de maio.