Ethel Vázquez chama ao Ministerio para a Transición Ecolóxica a desbloquear o convenio coa Xunta e o Concello para acadar canto antes a solución para o abastecemento de auga a Vigo

A Xunta está á espera de que o Goberno de España dea a súa conformidade ao convenio para estudar conxuntamente as alternativas para solucionar os problemas estruturais do sistema de abastecemento da área de Vigo
Publicado por o día 18/03/2019 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

Ethel Vázquez chama ao Ministerio para a Transición Ecolóxica a desbloquear o convenio coa Xunta e o Concello para acadar canto antes a solución para o abastecemento de auga a Vigo

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, emprazou hoxe ao Ministerio para a Transición Ecolóxica a desbloquear o convenio de colaboración coa Xunta e o Concello de Vigo para acadar, canto antes, “unha solución acordada e conxunta” que garanta o abastecemento de auga á cidade olívica e a toda a súa contorna.

O Goberno galego, o Concello de Vigo e o Ministerio para a Transición Ecolóxica acordaron o pasado mes de outubro asinar un convenio de colaboración para realizar conxuntamente un estudo de alternativas sen apriorismos para dar solución definitiva aos problemas estruturais do sistema de abastecemento da área sur da provincia de Pontevedra.

A conselleira informou de que actualmente a Xunta está á espera de que o Ministerio traslade coa maior axilidade a súa conformidade coa proposta de convenio, tendo en conta que se trata dun asunto importante que debe abordarse canto antes.

Ethel Vázquez fixo estas declaracións este mediodía en Vigo, antes de participar nun encontro promovido polo Foro de Enerxía e Medio Ambiente do Círculo de Empresarios de Galicia, no que presentou a conferencia da directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez. No acto tamén estivo presente o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves.

A conselleira salientou os importantes avances rexistrados en Galicia nos últimos anos en materia de saneamento e depuración de augas, algo do que sinalou como exemplo a nova depuradora da ría de Vigo.

E destacou a necesidade de seguir traballando, especialmente para facer fronte aos novos retos derivados do cambio climático, tales como o risco crecente de inundacións ou de secas. Así subliñou que resulta imprescindible estar preparados para afrontar situacións de ausencia prolongada de precipitacións como a que se viviu na zona de Vigo entre os anos 2016 e 2017.

Foi, segundo sinalou Ethel Vázquez, unha situación preocupante que evidenciou a necesidade de adoptar “medidas preventivas de calado” que nos permitan estar preparados ante novos episodios de seca e evitar que poidan derivar en falta de abastecemento á poboación.

A conselleira incidiu en que os recursos hídricos son esenciais para o benestar dos cidadáns e xogan un papel clave no desenvolvemento económico e na sustentabilidade ambiental do territorio. Por ese motivo, defendeu a necesidade de promover reflexións conxuntas sobre a xestión da auga no futuro así como sobre a mellor forma de crear conciencia social sobre este asunto.

Comentar noticia

Your email address will not be published.