Ethel Vázquez destaca que o acordo cos sindicatos blinda a estabilidade do emprego no Plan de transporte

A conselleira de Infraestruturas avanza no Parlamento que, unha vez publicados hoxe os proxectos definitivos, se convocará ás empresas a presentar as ofertas para garantir que o vindeiro mes de agosto os galegos teñan transporte público
Por o 11/07/2017 | Sección: Xunta de Galicia
Ethel Vázquez destaca que o acordo cos sindicatos blinda a estabilidade do emprego no Plan de transporte

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, destacou hoxe que o acordo acadado cos sindicatos blinda a continuidade e a estabilidade do emprego no Plan de transporte público ata os máximos parámetros legais posibles, con medidas de gran calado social e laboral.

A titular de Infraestruturas compareceu hoxe a petición propia no Pleno da Cámara galega para informar sobre os avances no Plan de transporte público de Galicia e anunciou que, unha vez publicados hoxe os proxectos definitivos, a Xunta convocará ás empresas a presentar as ofertas para prestar os servizos. Este novo paso administrativo, apuntou, permitirá garantir que o vindeiro mes de agosto os galegos terán transporte público e se manterán os empregos no sector.

Os pregos de licitación dos servizos, incluirán as cláusulas de subrogación traballadas conxuntamente cos sindicatos e que regulan cun grao de detalle inédito a obriga das empresas adxudicatarias de manter os postos de traballo e as condicións laborais dos empregados das liñas de autobús.

A conselleira reiterou que as portas da Xunta continúan abertas ao diálogo e á colaboración para lograr dotar aos galegos do transporte que merecen.
Ademais, convidou aos empresarios a abordar xa cos traballadores os convenios colectivos bloqueados para contribuír desa forma á finalización da folga de transporte.

Ethel Vázquez lembrou que as renuncias expresas das empresas a máis de 570 liñas de transporte se materializarán en agosto, sendo o Plan de transporte público de Galicia a única alternativa viable e legal para que, a partir de entón, toda a provincia de Ourense, boa parte da provincia de Lugo, parte de Pontevedra e zonas concretas da Coruña manteñan os servizos de transporte público.

Asegurou que o novo Plan de transporte público ofrece solucións, especialmente para a poboación maior e para os habitantes do rural e representa unha oportunidade para iniciar a transformación do transporte público que Galicia e os galegos necesitan.

Segundo dixo a conselleira, este novo modelo de transporte, que prevé o uso compartido dos autobuses escolares, multiplica as posibilidades de mobilidade dos veciños do rural. Trátase dun modelo xa empregado noutras comunidades autónomas que aproveita os asentos baleiros e a rede de rutas e paradas do transporte escolar, moito máis tupida e extensa, para favorecer os desprazamentos da poboación rural.

Así, indicou que grazas ao uso compartido do 10% das liñas de transporte escolar duplicarase o número de paradas de autobús para a poboación xeral, sen afectar aos itinerarios do estudantes.

Desa forma, todos os usuarios se beneficiarán das vantaxes que proporciona o transporte escolar, cunha flota máis renovada, cintos de seguridade e máis inspeccións, reforzándose tamén a seguridade para os escolares, xa que todas as liñas de uso compartido terán asegurada a presenza dun monitor acompañante, unha esixencia máis elevada da que marca a lei.

Ethel Vázquez destacou tamén que o plan de transporte público está deseñado para garantir tamén o futuro das pequenas e medianas e empresas de transporte ao agrupar as liñas en 41 contratos e limitar o número de adxudicacións ás que pode optar cada grupo empresarial.