Ethel Vázquez destaca o apoio da Xunta ao desenvolvemento empresarial de Arteixo co inicio da ampliación do acceso ao polígono de Sabón e o impulso do abastecemento a Morás

Sinala que a nova intervención en Sabón, que se prevé rematar en verán do ano que vén, contribuirá a solucionar as retencións de tráfico nas horas punta e reforzarán o seu papel de motor económico do norte de Galicia, con 8.000 traballadores

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe o apoio da Xunta ao desenvolvemento empresarial da área da Coruña e de Arteixo, co inicio da ampliación do principal acceso ao polígono de Sabón e co impulso do abastecemento ao parque de Morás.

Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou hoxe o comezo das actuacións de ampliación da capacidade e humanización da avenida da Deputación, no polígono de Sabón, actuacións cuxo obxectivo é solucionar as retencións de tráfico que se xeran nas horas punta nesta contorna.

Salientou que este proxecto, froito dun convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Arteixo, supón un investimento de máis de 6,3 millóns de euros e o seu obxectivo é reforzar aínda máis o papel do polígono de Sabón como motor económico do norte de Galicia, no que traballan actualmente 8.000 persoas.

A data prevista de remate das obras é o verán do vindeiro ano, se ben se executarán procurando acurtar en todo o posible os prazos.

A conselleira explicou que os traballos consistirán na ampliación da capacidade no treito da avenida da Deputación que vai desde a glorieta sobreelevada ata a intersección coa avenida da Enerxía, dividíndose en tres zonas con intervencións especificas de acordo coas necesidades de cada espazo.

Indicou que para aumentar a fluidez de tráfico non só se desdobrarán os carrís da avenida da Deputación, senón que tamén se reordenarán as interseccións.

Destacou a inclusión neste proxecto de dúas rotondas de tipo turboglorietas nos cruces coas avenidas do Embalse e da Moda, que farán posibles as entradas e saídas á vía principal sen interferir na fluidez do tráfico que circula de forma continua.

Ethel Vázquez subliñou que as obras están deseñadas pensando nas empresas que operan no polígono e na súa competitividade, pero tamén na construción dun contorno máis amable e humano para os traballadores. Para iso, precisou que se executarán beirarrúas e se habilitarán novos espazos de aparcadoiro.

Fixo fincapé en que os traballos están planificados co obxectivo de minimizar en todo momento a súa afección ao parque, mantendo sempre dous carrís de circulación. E, a este respecto, engadiu que se manterán reunións periódicas cos empresarios para resolver con axilidade as posibles incidencias.

Suma de esforzos

A conselleira puxo en valor a suma de esforzos de administracións e empresas para contribuír á dinamización da economía e do emprego e aumentar a resistencia fronte aos novos tempos duros. Así, sinalou que o Goberno galego e o Concello de Arteixo veñen colaborando dende hai anos para ofrecerlles aos empresarios as infraestruturas e o solo máis axeitados para o desenvolvemento da súa actividade.

Ethel Vázquez lembrou que a Xunta puxo en servizo hai máis de seis anos a glorieta sobreelevada de Sabón, cun investimento que superou os 11 millóns de euros, e referiu, tamén, a recente ampliación doutra das arterias do parque, a avenida de Vilarrodís, cun orzamento de máis de 1,3 millóns de euros.

Engadiu que o polígono tamén se viu beneficiado da construción do acceso ao parque de Morás, dotando a Sabón dunha mellor conexión coas autovías A-6 e AG-55, tras o investimento de 4,4 millóns de euros.

Este proxecto súmase ao que está a executar a Xunta para a urbanización do polígono de Morás, que permita a posta en funcionamento efectiva do parque. A ese respecto, destacou a recente licitación por parte de Augas de Galicia das obras destinadas a garantir o subministro ao polígono e melloralo no conxunto do municipio.

As empresas interesadas dispoñen ata o vindeiro 11 de febreiro para presentar as súas ofertas para realizar estas obras que financia o Concello de Arteixo, con case 4 millóns de euros, e executa a Administración autonómica.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario