A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, acompañada polo presidente da Federación Galega do Taxi (Fegataxi), Manuel Sánchez Quindimil, salientou que a Xunta destina este ano un orzamento de 350.000 euros a incentivos ao sector para a compra de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida e de baixas ou cero emisións,
Vázquez Mourelle explicou que o obxectivo destes incentivos, recollidos nunha convocatoria publicada hoxe no DOG, é que o sector poida modernizar a súa flota e ser máis competitivo, coa prestación dun servizo de taxi con vehículos máis accesibles e tamén menos contaminantes e prexudiciais para o medio ambiente.
Concretou que as subvencións serán de ata 4.000 €, para os taxis de baixas emisións; 6.000 € no caso de vehículos de emisións cero; e 10.000 € para coches adaptados e accesibles a persoas con mobilidade reducida.
Indicou que estes incentivos son compatibles entre si, polo que un taxista poderá solicitar a axuda da Xunta para comprar un taxi adaptado e tamén a de vehículo menos contaminante, en caso de que o coche sexa de emisións cero ou baixas emisións.
Lembrou que a partir de mañá, os taxistas interesados poderán presentar as súas solicitudes e teñen de prazo ata o vindeiro 30 de xuño.
Fixo fincapé en que o Goberno galego segue apostando por iniciativas para conseguir unha Galicia máis verde, máis familiar e tamén máis inclusiva.
Recordou que a Xunta leva catro anos consecutivos, desde 2016, poñendo ao servizo do sector do taxi estes incentivos para a adquisición de vehículos adaptados. Precisou que estas subvencións, nas que o Goberno galego leva investido 1,6 M€, xa facilitaron a compra de 160 taxis para o transporte de persoas con mobilidade reducida.
Concluíu que se trata de incrementar a competitividade deste sector do que dependen case 4.000 familias galegas, pero tamén de facilitarlle a vida ás persoas con mobilidade reducida e contribuír ao medio ambiente, fomentando unha mobilidade menos contaminante.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.