Ethel Vázquez lamenta que parte da patronal de transportes estea a trasladar a falsa mensaxe de que existe algunha alternativa viable e legal ao Plan de transporte público

Vázquez Mourelle lembra que o Plan de transporte da Xunta asegura os empregos en risco polas renuncias das empresas e multiplica as posibilidades de mobilidade no rural con plenas garantías para os escolares
Por o 29/06/2017 | Sección: Xunta de Galicia
Ethel Vázquez lamenta que parte da patronal de transportes estea a trasladar a falsa mensaxe de que existe algunha alternativa viable e legal ao Plan de transporte público

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, lamentou hoxe que parte da patronal estea a trasladar tanto aos pequenos empresarios como aos sindicatos que existe algunha alternativa viable e legal ao Plan de transporte público da Xunta. Nese sentido, apuntou que as concesións de servizos públicos da Administración “non se quitan e se poñen a dedo”.

A conselleria de Infraestruturas subliñou, en declaracións aos medios de comunicación, que o Plan de transporte público da Xunta asegura os empregos que están en risco polas renuncias das empresas a seguir sendo titulares das concesións de servizo público de transporte. A alternativa deseñada polo Goberno galego, engadiu, multiplica as posibilidades de mobilidade no medio rural e ofrece plenas garantías aos escolares nas rutas de transporte compartido.

“Non podemos ser reféns todos os galegos, os veciños do rural, os nenos e as pequenas compañías dos intereses de determinadas empresas de transporte”, afirmou.

Vázquez Mourelle remarcou que desde a Xunta se está a poñer en marcha “un Plan de Transporte que é a única alternativa viable e legal para garantir que, a partir do mes de agosto, exista servizo de transporte en Galicia, xa que de non saír adiante as provincias de Lugo e Ourense e parte da de Pontevedra quedarán sen el, o que suporá unha importante perda de postos de traballo”.

A responsable de Infraestruturas explicou que “o dereito á folga é sagrado, pero tamén o é o dereito ao traballo e o que estamos a sufrir e completamente insolidario”.