Ethel Vázquez salienta o dinamismo que o Polígono das Gándaras está rexistrando na adquisición de solo empresarial coa venda de 102 parcelas, das que 66 se adxudicaron a prezos bonificados

Destacou que os incentivos do Goberno galego permitiron que dende 2015 se adxudicara o 40 % do solo empresarial da Xunta, 1,1 millóns de m2, recuperando niveis anteriores á crise
Por o 15/01/2018 | Sección: Economia,Empresas,Galicia,Lugo
Ethel Vázquez salienta o dinamismo que o Polígono das Gándaras está rexistrando na adquisición de solo empresarial coa venda de 102 parcelas, das que 66 se adxudicaron a prezos bonificados

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe o Instituto de Biotecnoloxía Médica Aplicada S.L., no polígono das Gándaras, que está a rexistrar o maior dinamismo na adquisición de solo empresarial en Galicia, coa venda a día de hoxe de 102 parcelas, das que 66 se adxudicaron a prezos bonificados por importe de 8 millóns de euros.

Vázquez Mourelle coñeceu hoxe o traballo que está a realizar a sociedade Instituto de Biotecnoloxía Médica Aplicada S.L., que se ten decantado por este polígono das Gándaras para desenvolver aquí a súa actividade, aproveitando as bonificacións no prezo do solo empresarial do 50% postas en marcha pola Xunta.

A sociedade mercou no ano 2016, 1.800 m² de solo a prezos bonificados neste polígono e hoxe ten xa as súas instalacións rematadas e está traballando a pleno rendemento. Neste sentido, a conselleira explicou que esta é unha das moitas empresas que nos últimos anos teñen elixido o parque das Gándaras para desenvolver a súa actividade ou incrementar a súa produción e gañar en competitividade.

Ethel Vázquez sinalou que é un bo exemplo de que a posta á disposición de solo en condicións vantaxosas nos parques propiedade da Xunta fai que moitas empresas se decanten por Galicia para instalar ou expandir o seu negocio. Así, concretou que dende 2015, lévanse adxudicado máis de 1,1 millóns de metros cadrados a 250 empresas, é dicir, en menos de tres anos se adxudicou o 40 % do solo empresarial da Xunta, recuperando niveis anteriores á crise.

A responsable de Vivenda subliñou que no parque das Gándaras xa se ten declarado como singular o proxecto presentado por unha empresa de subministración de materiais de bricolaxe, que marcará o inicio da ampliación deste polígono industrial, permitindo a obtención de 34 parcelas duns 1.000 metros cadrados, que son as máis demandadas.

Nestes momentos, a meirande parte das empresas que teñen adquirido solo a prezos bonificados nas Gándaras, 18, xa teñen as súas instalacións rematadas; 16 teñen comezado os traballos de edificación para poder implantarse canto antes; e 2 están coa redacción dos proxectos.

A conselleira fixo fincapé en continuar con esta liña de traballo, ofrecéndolle vantaxes competitivas aos emprendedores que queiran desenvolver a súa actividade e crear postos de traballo en Galicia e poñendo á súa disposición solo empresarial en condicións atractivas para que as industrias estean mellor preparadas para dinamizar a economía.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.