Ethel Vázquez salienta o compromiso das empresas coas medidas de prevención fronte á covid-19 no autobús compartido, que neste curso acadará o 53% dos servizos escolares

A conselleira salienta que o protocolo deseñado co Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral fará do autobús compartido “o medio de transporte máis seguro”, ao conter máis medidas que as que se aplican no ferrocarril ou nos avións
Publicado por o día 04/09/2020 na sección de Educación,Xunta de Galicia

Ethel Vázquez salienta o compromiso das empresas coas medidas de prevención fronte á covid-19 no autobús compartido, que neste curso acadará o 53% dos servizos escolares

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, salienta o compromiso das empresas coas medidas de prevención fronte á covid-19 no transporte compartido, que neste curso acadará o 53 % dos servizos escolares.

A conselleira destacou que a Xunta dispón dun protocolo específico, deseñado co Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, o ISSGA, que fará do autobús compartido “o medio de transporte máis seguro”, ao incluír medidas que non se aplican no ferrocarril nin nos avións.

Vázquez Mourelle, xunto co secretario xeral técnico da consellería, Joaquín Macho, co secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Jesús Oitavén, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, abordou coas federacións de transporte o protocolo de medidas fronte á covid-19 no autobús compartido ante o inicio do curso escolar.

O protocolo, ademais das medidas xerais establecidas para todo o transporte público, contén outras específicas, como a separación dos asentos dos escolares dos do resto de usuarios, reservando as prazas dianteiras para as persoas maiores.

O documento tamén inclúe normas para o acceso e baixada dos autobuses para as que se colocaron paneis informativos. Os escolares ocuparán as prazas de atrás cara adiante e na medida do posible, empregarán sempre o mesmo asento e se conviven, sentarán xuntos.

Ademais creouse a figura dun coordinador que actuará de ligazón entre o centro escolar e os servizos de transporte.

Na xuntanza recabáronse as achegas do sector, que serán incorporadas na medida do posible ao protocolo definitivo que se publicará na web da Consellería e se trasladará aos concesionarios e á Consellería de Educación para a súa entrada en vigor coincidindo co inicio do curso escolar.

Esta reunión, enmarcada na liña de diálogo e interlocución permanente coas empresas e cos traballadores, ten como obxectivo garantir unha mobilidade segura a través do transporte público e blindar o acceso á educación, á sanidade e demais servizos básicos.

O transporte compartido funciona en Galicia desde 2017, multiplicando as opcións de mobilidade, especialmente no rural, ao permitir que os maiores empreguen as prazas baleiras dos autobuses escolares, que contan sempre cun acompañante.

Ethel Vázquez puxo en valor este documento ao conter medidas de reforzo da seguridade dos usuarios que non existen noutros medios de transporte como o avión ou o ferrocarril, onde non se reservan prazas para os maiores nin hai normas de acceso.

Este protocolo dálle continuidade ás medidas que a Xunta xa puxo en marcha desde o primeiro momento no transporte público, como o uso obrigatorio de máscara, a desinfección e ventilación dos vehículos ou a separación do condutor.

Comentar noticia

Your email address will not be published.