Ethel Vázquez salienta que a nova pasarela da ponte de San Xulián permite dotar aos veciños de Redondela dun itinerario peonil continuo máis seguro e poñer en valor a contorna do Peto das Ánimas

Sinala que a actuación favorece a circulación a pé pola marxe dereita da estrada autonómica PO-250, en pleno núcleo urbano, e amósase como alternativa para cruzar o río con maior seguridade
Por o 15/12/2018 | Sección: Galicia,Redondela
Ethel Vázquez salienta que a nova pasarela da ponte de San Xulián permite dotar aos veciños de Redondela dun itinerario peonil continuo máis seguro e poñer en valor a contorna do Peto das Ánimas

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe en Redondela que a nova pasarela da ponte de San Xulián permite pechar un itinerario peonil continuo no treito urbano desta vila que, ademais de favorecer o desprazamento máis cómodo e seguro dos veciños, pon en valor o espazo no que se atopa un elemento patrimonial de grande interese, como é o Peto das Ánimas.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, desprazouse hoxe a Redondela para ver o resultado da execución desta pasarela metálica sobre o río Alvedosa, iniciada a finais de xullo, e encamiñada a mellorar a mobilidade dos veciños e incrementar a súa seguridade viaria.

Abundou que con este nova estrutura se favorece a circulación a pé nun treito concreto da estrada autonómica PO-250, en pleno núcleo urbano desta vila, e ofrece á veciñanza unha alternativa para cruzar o río con maior seguridade. E para iso, engadiu, construíuse a pasarela metálica adosada á ponte de San Xulián, que completa o itinerario peonil pola marxe dereita desta estrada que vai a Ponte Caldelas, ao seu paso polo Concello de Redondela.

A conselleira puxo o acento na importancia desta actuación, tanto pola súa funcionalidade como desde o punto de vista da rendibilidade social. E, neste sentido,

explicou que a intervención consegue facer máis compatible o tránsito peonil e rodado, nun punto da estrada que soporta un tráfico elevado.

A titular do departamento de infraestruturas da Xunta sinalou que coa construción desta pasarela metálica, ademais de reforzar a seguridade dos peóns, fíxose posible o acondicionamento da contorna. En concreto, dixo, pavimentouse en lousa este espazo no que se distingue un elemento patrimonial de grande interese, como é o Peto das Ánimas, considerado Ben de Interese Cultural (BIC).

Resaltou que a intervención da Xunta, na que só resta o retranqueo do poste da luz por parte da compañía eléctrica, supuxo un investimento de preto de 135.000 euros. A mesma, destacou, contribúe así a o dobre obxectivo de favorecer unha mobilidade máis cómoda e segura aos usuarios vulnerables da estrada, aos peóns, e de posta en valor e humanización do espazo onde se atopa este ben patrimonial.

En definitiva, subliñou, unha nova mostra da aposta da Xunta por lograr estradas máis humanas, máis accesibles e máis seguras, que se vén a sumar a intervención rematada este pasado verán de humanización da Avenida de Vigo, cun orzamento do departamento de Infraestruturas de 2,3 millóns de euros.

Ethel Vázquez indicou tamén que o seu departamento vai a continuar coa humanización da Avenida Mendiño, que se corresponde coa estrada autonómica PO-363. E avanzou que xa se está a redactar o proxecto para a súa posterior execución por fases, comezando por unha primeira nun treito aproximado de 1 km, ata a zona do centro de saúde, coa reordenación do tráfico, do tránsito peonil e dos aparcadoiros.

Comentar noticia

Your email address will not be published.