Ethel Vázquez salienta que o simbolismo da ponte de Rande se verá reforzado cunha iluminación ornamental que a converterá nunha referencia internacional

“A todas luces, a Xunta traballa e inviste para que Vigo progrese”, asegura a conselleira
Publicado por o día 13/09/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Ethel Vázquez salienta que o simbolismo da ponte de Rande se verá reforzado cunha iluminación ornamental que a converterá nunha referencia internacional

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asistiu hoxe á inauguración da exposición Rande, unha ponte entre dous séculos, na que salientou que o simbolismo deste viaduto se verá reforzado cunha iluminación ornamental que o converterá nunha referencia internacional.

Vázquez Mourelle destacou “que a todas luces, a Xunta traballa e inviste para que Vigo progrese”.

Neste sentido, explicou que “hai tempo que a Xunta vén falando con Audasa para que a ponte acade este fito e está desexando examinar o proxecto e comprobar a súa envergadura para determinar se é adecuado, para o que contarán co apoio do Goberno galego”.

Remarcou que a ponte, facendo honra do seu simbolismo, aunará vontades e conseguirá un consenso pleno para traballar pola súa posta en valor cunha iluminación acaída.

Subliñou que o obxectivo da iniciativa é que este fito da enxeñería brille con luz propia e ilumine Vigo e toda a ría dun xeito que nos faga visibles no mundo enteiro novamente. Así, concretou que ver iluminados os seus piares, de máis de 100 metros de altura; os seus máis de 150 tirantes; ou os seus taboleiros, voando a 45 metros sobre a ría; vai ser un valor engadido para Vigo e para toda Galicia.

Cómpre lembrar que esta infraestrutura revolucionou as comunicacións de Galicia a principio dos anos 80 e se converteu nun símbolo tan recoñecible no horizonte que representa a Vigo, á súa ría, e que calquera galego loce con orgullo no mundo.

A infraestrutura é singular pola súa estética e polo seu deseño, xa que esta ponte atirantada foi, no momento da súa construción, a máis grande do mundo na súa tipoloxía. Tamén a súa ampliación foi única, ao facerse engadindo dous novos taboleiros co plus de que permaneceu aberta ao tráfico en todo momento.

A conselleira tamén aproveitou a visita para agradecerlle o traballo ao Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, tanto pola organización desta exposición como polo seu traballo diario.