Ethel Vázquez salienta que os veciños do Morrazo terán a finais de xuño á súa disposición a totalidade da autovía libre de peaxe, cun investimento de 55,5 M€

Vázquez Mourelle indica que as obras no 3º treito, cun orzamento de máis de 18 M€, finalizarán en poucas semanas, completando así 11 km de autovía, logo de que hai un ano se puxeron en servizo os 7 primeiros km entre Rande e Meira

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisou hoxe os traballos no terceiro tramo da autovía do Morrazo, cuxos avances permitirán que os veciños desfruten a finais de xuño da totalidade desta infraestrutura libre de peaxe, cun investimento de 55 millóns de euros.

Vázquez Mourelle indicou que as obras no terceiro treito, cun orzamento de máis de 18 millóns de euros, xa se atopan ao 93% de execución, polo que se a meteoroloxía o permite estarán rematadas en poucas semanas, completando así esta autovía de 11 km.

O terceiro tramo da autovía correspóndese cos 3,8 km que van desde o enlace de Meira ata o de Cangas e culminarán esta infraestrutura clave para as comunicacións da área, logo de que hai un ano se puxeron en servizo os 7 primeiros km entre Rande e Meira.

Na actualidade estase a realizar a proba de carga no viaduto da Fraga, a estrutura máis singular do treito, con máis de 300 metros de lonxitude e 9 vanos. Esta actuación consiste en colocar peso en distintas posicións para someter a ponte a diferentes tensións que permitan medir a súa resistencia e comprobar que responde segundo os cálculos dos técnicos.

A conselleira explicou que tras esta proba se continuará traballando a ritmo intenso para culminar a infraestrutura e cumprir o cronograma. Para iso, precisou que a día de hoxe están traballando uns 55 operarios e 20 vehículos pesados.

Concretou que xa están rematadas todas as estruturas, o viaduto da Fraga e os pasos superiores e inferiores existentes e restan unicamente as varandas de protección. Tamén está avanzado o firme e só falta a capa de rodadura, que se comezará a estender na primeira semana de xuño, se o tempo o permite.

Ademais estanse a ultimar detalles como a colocación dos separadores da mediana, as beiravías, cerramentos e a sinalización.

Máis seguridade e competitividade

Ethel Vázquez subliñou que esta autovía agardada e demandada suporá un reforzo incuestionable da seguridade viaria, facilitará a accesibilidade e a mobilidade de toda esta comarca e axudará á competitividade.

Salientou que se trata dunha actuación fundamental para a seguridade viaria, para a vertebración e para o desenvolvemento económico e social do Morrazo.

Non obstante, agradeceu a paciencia dos usuarios, xa que aínda que a Xunta tratou de executar os traballos minimizando as afeccións, todas as obras causan incomodidades. Lembrou que co obxectivo de reducir as molestias, no terceiro tramo habilitouse un desvío provisional para realizar os desmontes con seguridade e mínimas afeccións.

Sinalou que agora xa se están a executar os últimos traballos de detalle, que para seguridade dos traballadores e condutores obrigarán a diferentes desvíos e configuracións do tráfico ata a posta en servizo das dúas calzadas.

 

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM