Ethel Vázquez salienta que a Xunta rematará antes do verán a reurbanización de San Paio de Navia e avanza na adquisición dos terreos necesarios para a construción de 1.600 vivendas protexidas

Detalla que tras un investimento de 10 millóns de euros, a Xunta xa dispón de preto da metade da superficie precisa e iniciará proximamente o proceso de permuta de solo cos propietarios
Por o 07/02/2018 | Sección: Galicia,Vigo
Ethel Vázquez salienta que a Xunta rematará antes do verán a reurbanización de San Paio de Navia e avanza na adquisición dos terreos necesarios para a construción de 1.600 vivendas protexidas

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta de Galicia rematará antes do verán as obras de reurbanización e reparación que se están a executar no barrio vigués de San Paio de Navia a través dun investimento autonómico de 750.000 euros.

A titular de Infraestruturas e Vivenda supervisou hoxe os traballos nunha visita na que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e na que asegurou que, paralelamente, o Goberno galego está a avanzar no proceso de adquisición dos terreos necesarios para a segunda fase deste polígono, que permitirá a construción de 1.600 vivendas protexidas na cidade olívica.

En declaracións aos medios, Ethel Vázquez detallou que, a través dun investimento xa realizado de 10 millóns de euros, a Xunta conseguiu xa preto dos terreos necesarios para a segunda fase de San Paio de Navia, é dicir, uns 130.000 metros cadrados.

Tendo en conta que o Concello de Vigo vén de conceder a aprobación inicial da modificación do Plan parcial da ampliación de San Paio de Navia, a Xunta prevé iniciar de forma inmediata o proceso de permuta de solo cos propietarios interesados. A conselleira engadiu que, unha vez que ese Plan parcial obteña a aprobación definitiva será posible licitar as obras de urbanización.

Segundo dixo, a ampliación prevista en San Paio de Navia é unha “actuación integral” que, ademais de posibilitar a construción de case 1.600 vivendas protexidas, tamén permitirá mellorar os accesos, contar con máis prazas de aparcamento e aumentar os servizos públicos.

En relación coas obras de reurbanización e reparación visitadas hoxe, Ethel Vázquez destacou que son necesarias polo incremento da poboación e da actividade nesta zona e alcanzan catro rúas: Poza Cabalo, Limpiño, Lamelas e Pedra Seixa, e un total de 1.300 metros.

Nese contorno construíronse recentemente novas instalacións deportivas e outros equipamentos que aumentaron o tránsito na zona, facendo necesario executar obras de reparación. A conselleira concretou que se está a actuar na rede de saneamento (pluviais e fecais), na galería de servizos, na reposición da pavimentación de rúas e beirarrúas, na sinalización e na xestión de residuos.

Os traballos comezaron a finais do pasado ano e estarán rematados antes da época de verán. Posteriormente, pasarán a ser de titularidade municipal.

Ethel Vázquez salientou que, na liña de mellorar estas comunicacións en San Paio de Navia para o desfrute e ocio dos seus veciños, a Xunta tamén prevé construír unha nova senda peonil e ciclista na estrada autonómica ao seu paso pola parroquia. Esta infraestrutura, que vai mellorar a conectividade do barrio, será unha vía segura, sostible e integrada na paisaxe, incluída no Plan de Sendas de Galicia e que se adxudicará este mesmo mes para poder iniciar as obras canto antes.