Ethel Vázquez salienta que a Xunta solicitou explicacións o mesmo día en que se produciron as retencións na ponte de Rande

Vázquez Mourelle subliña que o Goberno galego mantén a demanda do traspaso da AP-9 mentres traballa para esixir unhas boas prestacións aos cidadáns a través da comisión mixta constituída co Ministerio de Fomento
Por o 09/11/2017 | Sección: Galicia,Redondela,Xunta de Galicia
Ethel Vázquez salienta que a Xunta solicitou explicacións o mesmo día en que se produciron as retencións na ponte de Rande

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, salientou onte no Parlamento de Galicia que a Xunta solicitou explicacións ás autoridades responsables o mesmo día en que se produciron as retencións na Ponte de Rande, o pasado 27 de outubro.

En resposta a unha pregunta parlamentaria, a conselleira asegurou que o Goberno galego vén demandando de forma reiterada ao Ministerio de Fomento e á concesionaria da AP-9 a adopción das medidas necesarias para evitar atascos por mor das obras de ampliación que se están a executar, e que o Executivo central as adoptou.

Vázquez Mourelle reiterou que o Goberno galego mantén unha actitude vixilante, activa e reivindicativa co fin de defender que o pagamento dunha peaxe se ten que ver correspondido cun bo servizo aos usuarios.

Por iso, no mesmo día en que se rexistrou a incidencia na ponte de Rande, o 27 de outubro, a conselleira trasladou ao Ministerio de Fomento a súa preocupación pola situación e polas consecuencias negativas que as retencións supuxeron para os usuarios.

O Goberno galego vén mantendo unha gran preocupación e interese polo funcionamento da AP-9 porque é a columna vertebral do territorio no que vive o 60% dos galegos, a infraestrutura que comunica toda a fachada atlántica da comunidade e que conecta 5 das 7 grandes cidades.

A titular de Infraestruturas subliñou que este Goberno só se acabará conformando co traspaso da AP-9, pero o certo é que de forma constante está a esixir unhas boas prestacións aos cidadáns. Así, por primeira vez, a Xunta ten voz na xestión da Autoestrada do Atlántico a través da comisión mixta constituída co Ministerio de Fomento.

Ethel Vázquez fixo fincapé en que por primeira vez desde o ano 2006, os Orzamentos da Xunta de 2018 non recollan a partida de 7 millóns de euros para pagar a subvención da peaxe dunha autoestrada titularidade do Estado. Isto supón un aforro de 400 millóns á Xunta ¬–o equivalente ao Orzamento da Consellería de Infraestruturas dun ano enteiro- grazas a conseguir que o Ministerio de Fomento asuma en exclusiva as bonificacións das peaxes de Rande e A Barcala.

A citada vía tamén está a ser obxecto de ampliación, en Santiago, engadindo novos carrís e enlaces que non só permitirán absorber máis vehículos, senón funcionar como un mellor distribuidor de tráfico libre de peaxe, en en Vigo, coa ampliación da ponte de Rande, para garantir a capacidade e a fluidez do tráfico neste punto, que rexistra uns 52.000 vehículos ao día. Esta última actuación é imprescindible para evitar o seu colapso e para ofrecer fluidez e garantir a funcionalidade dunha vía que ten unha importancia estratéxica para o tecido empresarial de Vigo e de toda a súa contorna.

A Xunta está a facer especial seguimento desta obra e traballando con Fomento para coordinar as actuacións co desdobramento do Corredor do Morrazo, o que permitiu unha modificación do proxecto para que os vehículos con orixe ou destino no Morrazo poidan acceder tanto aos novos carrís como ao tronco da infraestrutura viaria.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.