A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, trasladoulle hoxe ao alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, que o antes do vindeiro verán os menores de 21 anos do municipio poderán viaxar gratis nos autobuses dependentes da Xunta coa tarxeta Xente Nova.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo hoxe un encontro, por videoconferencia, co rexedor, no que abordaron os cambios operados no transporte público que presta servizo no municipio.
O pasado 23 de decembro entraron en funcionamento os novos contratos de autobús interurbano, dependentes da Xunta de Galicia, e que completan o Plan de Transporte Público de Galicia. No caso concreto do concello de Gondomar, os novos servizos melloran notablemente as conexións coa cidade de Vigo e levan aparellada unha importante baixada de prezos.
Ademais, nos vindeiros meses está previsto despregar o sistema que permita que comece a funcionar neses novos servizos a tarxeta Xente Nova, o dispositivo que permite que os menores de 21 anos viaxen gratis.
A conselleira explicoulle ao alcalde que, paralelamente, a Xunta está a tramitar a creación da Área de Transporte de Galicia, á que se poderá adherir o Concello de Gondomar para que, a partir do vindeiro ano, os veciños deste municipio se poidan beneficiar das vantaxes do Plan de Transporte Metropolitano.
Cómpre lembrar que Gondomar tivo a oportunidade de formar parte desde o primeiro momento da Área de Transporte Metropolitano de Vigo, constituída en 2015, pero naquel momento o Concello votou en contra da súa integración en dous plenos municipais.
Mellora da seguridade viaria no polígono da Pasaxe
Na xuntanza, a conselleira tamén informou ao alcalde de que o vindeiro mes de xaneiro rematarán as obras de mellora da seguridade viaria na estrada PO-331 no entorno do polígono da Pasaxe, logo dun investimento autonómico de máis de 430.000 euros.
Esas obras, destinadas a eliminar un treito de concentración de accidentes, suporán unha mellora substancial nos accesos ao Polígono e a súa execución foi coordinada tanto co Concello como cos empresarios.
Finalmente, Ethel Vázquez abordou co alcalde a situación do saneamento no municipio. A ese respecto, a conselleira indicou a necesidade de que o Concello acometa o antes posible a auditoría comprometida sobre a súa rede de saneamento, de forma que, unha vez coñecidos os resultados, se planifique de forma axeitada a ampliación da estación depuradora de augas residuais.
En relación con esa depuradora, Vázquez lembrou que a Xunta vén de asinar un convenio polo que se compromete a seguir xestionando esa instalación municipal. A pesar de ser unha competencia municipal, en aras de colaborar e axudar a ese municipio no exercicio das súas competencias, a Xunta de Galicia vén explotando a depuradora de Gondomar desde xuño de 2005.
Trátase dunha inxente axuda da Xunta ao municipio, tanto desde o punto de vista técnico, como administrativo como, sobre todo, económico. En total, a Administración autonómica leva investidos máis de 8 millóns de euros no mantemento e explotación destra infraestrutura hidráulica.
Noticias de última hora en Vigo