Ethel Vázquez trasládalles aos veciños de Teis, en Vigo, que a Xunta contratará o vindeiro ano as obras de mellora do saneamento desta parroquia, cun investimento dun millón de euros

Vázquez Mourelle explica que se está a ultimar a redacción do proxecto para avanzar na mellora do sistema de saneamento desta contorna viguesa
Publicado por o día 23/10/2019 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

Ethel Vázquez trasládalles aos veciños de Teis, en Vigo, que a Xunta contratará o vindeiro ano as obras de mellora do saneamento desta parroquia, cun investimento dun millón de euros

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo hoxe unha reunión con representantes da Asociación de Veciños de Teis, aos que lle trasladou que a Xunta está a ultimar a redacción do proxecto de mellora do saneamento nesta parroquia co fin de contratar o vindeiro ano estas obras, que suporán un investimento dun millón de euros.

Vázquez Mourelle subliñou que os Orzamentos da Xunta de 2020 reservan unha partida de 250.000 euros para avanzar neste proxecto hidráulico con carácter estratéxico para os veciños desta contorna.

O Goberno galego, aínda que a competencia do saneamento e abastecemento é municipal, vénlle prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar de xeito eficaz os citados servizos.

O sistema de saneamento de Teis, conformado por unha extensa rede de colectores e varios bombeos que finalizan na depuradora, presenta deficiencias. Neste sentido, un estudo previo detectou problemas de infiltracións, que provocan unha sobrecarga continua na rede, o que incide na calidade das masas de auga costeiras na contorna da EDAR.

Unha vez realizada esa primeira inspección da rede actual, para identificar esas zonas máis problemáticas, priorizaranse en coordinación co Concello e con Aqualia actuacións en dúas zonas concretas.

Por unha parte, cómpre actuar na baixada a ríos, onde actualmente hai rede separativa pero na que se filtra unha gran cantidade de auga do río Paraixal. Isto, sumado ao caudal en tempo de chuvia, provoca algunha enchente na zona baixa próxima á desembocadura, nas inmediacións das instalacións da factoría de MetalShips.

A conselleira indicou que a solución para este caso pasa pola construción dunha nova rede de pluviais e a mellora da rede de fecais.

A segunda zona que é preciso priorizar corresponde co colector do río Paraixal, construído en paralelo ao leito do río e, en ocasións, baixo o propio leito. Neste colector prodúcense importantes infiltracións, polo que se podería acometer un novo colector, de material plástico ao obxecto de reducir as infiltracións na rede.

Ademais, nesta reunión de carácter técnico tamén se abordou a necesidade da eliminación da peaxe da AP-9 en Redondela, un compromiso do Goberno de España con Galicia que debe cumprir xa.

Comentar noticia

Your email address will not be published.