EU amosa a súa solidariedade con todas as persoas afectadas polo VIH, coincidindo co “Día mundial da Loita contra a Sida”

Publicado por o día 30/11/2016 na sección de Esquerda Unida,Política,Salud,Vigo

EU amosa a súa solidariedade con todas as persoas afectadas polo VIH, coincidindo co “Día mundial da Loita contra a Sida”

Mañá, 1 de decembro, é o Día Mundial da Loita Contra a SIDA e, dende Esquerda Unida, amosamos toda a nosa solidariedade coas persoas afectadas e, máis polo miúdo, coa complicada situación económica que soportan os Comités Cidadáns Anti-SIDA de Galicia, provocada pola agresiva e prolongada política de recortes da Xunta de Galicia, que sempre afecta máis aos sectores desfavorecidos.

“Falamos de colectivos que seguen á marxe desa suposta situación de recuperación económica, que nos quere vender o Goberno de Feijoó pero que, na realidade, non chega á maioría social”, explica Sofía Díaz, secretaria de Políticas Sociais de Esquerda Unida, que asume que “os recortes e a desigualdade seguen instaurados como práctica habitual da política social da Xunta de Galicia”. “A Xunta de Galicia mantén, dende hai anos, a redución de máis dun 50% das axudas e subvencións destas asociacións, o que pon en perigo a continuidade das accións e programas que levan a cabo dende hai case 20 anos. Accións e programas que a Administración, dende sempre, se nega a xestionar directamente. A Xunta renega da súa responsabilidade como administración pública e delega as súas funcións, competencias e responsabilidades nas ONGs. Logo, impide que as poidan levar a cabo debido ao abafo económico ao que as somete, mantendo a redución de contías e retrasando miserablemente os pagos. Como cada ano, a Xunta de Galicia obrígalles a adiantar o custo da Casa de Acollida ata un ano enteiro e non se recupera case a metade desa financiación subtraída nos últimos anos”, sinala a secretaria de Políticas Sociais de EU.

É por isto que, dende Esquerda Unida, queremos destacar que só a voluntariedade e alta implicación dos membros dos Comités Anti-SIDA (xunta directiva, persoal contratado, voluntariado, persoas usuarias e residentes) fan posible que estes recursos sigan funcionando e que, coa metade da financiación, sigan prestando os mesmos servicios. Son moitas as persoas que se poden ver nunha situación de grave risco de exclusión social se non poden ser atendidas polos Comités Anti-SIDA (por exemplo, actualmente centos de persoas incluso almorzan a diario nas sedes dos Comités debido á carencia de recursos municipais para que as persoas poidan permanecer algunhas horas durante o día).

As Casas de Acollida para persoas afectadas pola SIDA de Ourense e Coruña, dependentes dos Comités Cidadáns Anti-SIDA, que funcionan dende 1994 no caso de Ourense, e nas que residen ducias de persoas, seguen a ter un futuro incerto, tal e como denunciamos dende hai anos. Neste senso, “é de destacar, un ano máis, a incompetencia da Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Política Social, dirixida por José Selas Souto, responsable de que en Ourense, de novo, se manteña un recorte das axudas da Xunta de máis dun 50%.  Isto é, os recortes son unha cuestión de vontade política e a tan cacarexada recuperación económica non chega, por esa mesma falta de vontade política, aos sectores máis desfavorecidos da sociedade”, aprecia Sofía Díaz.

O lema deste ano da OMS é: “LEVANTEMOS AS MANS POLA PREVENCIÓN DO VIH”

En Galicia hai máis de 2.000 persoas infectadas polo VIH e, entre un 30 e un 40% máis, descoñecen a súa seropositividade. Todo gasto en prevención é unha inversión, non só pola súa rendibilidade humana e social (que debería ser suficiente) senón tamén pola económica, polo aforro que supón dos altos custos dos ingresos hospitalarios ou en prisións que se evitan. Como denunciamos, a política da Xunta de Galicia camiña en sentido contrario ao que recomenda a ONU.

En canto ao nivel internacional, denunciamos a situación de desigualdade no acceso aos tratamentos entre países desenvolvidos e países pobres. Os países que contamos con maiores avances e recursos en prevención e tratamento do virus, temos a obriga de manter unha actitude solidaria cara a eses países.

Esquerda Unida urxe a todas as Administracións que impulsen campañas de prevención e atención e esixe á Xunta que se afaste destas políticas de recortes indiscriminados. “Ademais, esiximos á Administración que asuma a súa responsabilidade neste eido, con xustiza e solidariedade, con sentido comunitario, pois, como nos dicía  Eduardo Galeano: O sentido comunitario é a forma máis fermosa de exercer o sentido común”, remata Sofía Díaz.