EU saúda sentenza do T.S.X de Galicia que declara ilegal o uso do Castelo de Monterrei como parador

A Xunta de Galicia teimou coa especulación fronte á defensa do ben común realizada pola Plataforma pola Defensa do Castelo de Monterrei
Por o 15/10/2016 | Sección: Esquerda Unida,Política,Vigo
EU saúda sentenza do T.S.X de Galicia que declara ilegal o uso do Castelo de Monterrei como parador

Esquerda Unida felicítase da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que declara ilegal as obras de rehabilitación realizadas pola Xunta de Galicia e a Axencia Galega de Turismo, que se amparaban nunha concesión administrativa do Concello de Monterrei, gobernado polo PP.

Dita sentenza confirma a do xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Ourense, onde xa se destacaba que as obras realizadas excedían a edificabilidade máxima permitida para este Ben de Interese Cultural.

Por outra banda, a recente sentenza do TSXG apoia o labor que desenvolveu a Plataforma pola Defensa do Castelo de Monterrei, que sempre denunciou as actuacións da Xunta e as súas intencións para co Castelo de Monterrei, así como confirma o traballo político de denuncia que fixo Esquerda Unida a través de AGE no Parlamento de Galicia. De maneira insistente fixemos fincapé na inoperancia tanto da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que someteu o noso patrimonio a unha terrible situación de abandono, como da Axencia de Turismo de Galicia, preocupada unicamente de tirar rendibilidade económica dun proxecto que non tiña sentido desde os seus inicios, cando a menos de 500 metros xa estaba un Parador de Turismo en situación agónica (de feito, a empresa Paradores SA está en situación de ERE desde novembro de 2012).

A Xunta de Galicia debera reflexionar de forma inmediata e proceder de forma urxente a atender á sentenza do TSXG e devolver ao estado orixinal un Castelo cuxa estrutura primixenia se viu gravemente afectada pola rehabilitación e pola aberrante teima de converter en Parador de Turismo un Ben de Interese Cultural que debe ser de uso público e común.