EU Son Porriño presentará unha moción baixo o nome “FOLGA MUNDIAL 27S EMERXENCIA CLIMÁTICA”

MOCIÓN URXENTE: PEDINDO O APOIO Á FOLGA MUNDIAL POLO CLIMA QUE SE CELEBRARÁ A NIVEL GLOBAL O VINDEIRO 27 DE SETEMBRO E A DECLARACIÓN DA EMERXENCIA CLIMÁTICA.
Publicado por o día 02/09/2019 na sección de Galicia,O Porriño,Política

EU Son Porriño presentará unha moción baixo o nome “FOLGA MUNDIAL 27S EMERXENCIA CLIMÁTICA”

MOCIÓN URXENTE: PEDINDO O APOIO Á FOLGA MUNDIAL POLO CLIMA QUE SE CELEBRARÁ A NIVEL GLOBAL O VINDEIRO 27 DE SETEMBRO E A DECLARACIÓN DA EMERXENCIA CLIMÁTICA.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Declarar de maneira inmediata o estado de emerxencia climática e que se tomen as medidas concretas necesarias para reducir rapidamente a cero as emisións netas de gases de efecto invernadoiro. Este é o obxectivo da Folga Mundial polo Clima que se celebrará a nivel global o próximo 27 de setembro e que en España convocan máis dun cento de organizacións, principalmente Fridays for Future a nivel estatal e no noso caso Xuventude polo Clima. Estanse a organizar unha batería de accións e protestas que irán desde manifestacións e folgas estudantís e de consumo a peches patronais de entidades comprometidas e mobilizacións nos centros de traballo e nas rúas.

  1. Os obxectivos de redución de gases de efecto invernadoiro ( GEI) non están a ser cumpridos polas nacións do mundo. Mentres o planeta no seu conxunto incrementou a produción de gases responsables da crise climática.
  2. Debido á inacción xeneralizada, organizacións, colectivos e asociacións de todo o planeta convocaron o paro global para que institucións, Estados e empresas escoiten á cidadanía e ás organizacións que esixen un novo modelo socioecolóxico que non comprometa a supervivencia da vida tal e como a coñecemos. Os recentes informes sobre o estado da biodiversidade da Plataforma Intergobernamental de Biodiversidade e Servizos Ecosistémicos (IPBES) sinalan que preto dun millón de especies entre animais e plantas atópanse preto da extinción como consecuencia das actividades humanas, e o informe do Panel Intergobernamental sobre o Cambio Climático ( IPCC) sobre o incremento da temperatura media global en 1,5º C, alertan da deterioración dun gran número de ecosistemas, tanto terrestres como mariños, así como do punto de non retorno fronte ao cambio climático.
  3. Esta crise é “consecuencia directa do modelo de produción extractivista e consumo globalizado actuais, que pon en risco nosa propia supervivencia e a dun gran número doutras especies e ecosistemas e impacta de maneira inxusta especialmente nas poboacións máis empobrecidas e vulnerables do mundo”.
  4. Non responder axiña e con contundencia á emerxencia climática suporía a morte e o malvivir de millóns de persoas, xunto á extinción de centos de miles de especies e a desaparición de ecosistemas completos. Os datos son contundentes e o tempo xoga na nosa contra.

6. É imprescindible que as institucións, tanto europeas e estatais como autonómicas e locais, asuman inmediatamente a súa responsabilidade e que estean á altura das necesidades que esixe este momento crucial da historia. Esta é unha loita que non pode supeditarse a unha ideoloxía ou cor política, debe ser asumida por todos os partidos.

7. Declarar a emerxencia climática require asumir o cumprimento de compromisos políticos reais e vinculantes, moito máis ambiciosos que os actuais, coa consecuente asignación de recursos para facer fronte a esta crise. Unha folla de roteiro vinculante capaz de garantir as reducións de gases de efecto invernadoiro anuais necesarias, abandonar os combustibles fósiles, apostar por unha enerxía 100 % renovable e reducir a cero as emisións netas de carbono canto antes, de maneira urxente e prioritaria, en liña coas indicacións do informe do IPCC para limitar o aumento das temperaturas globais a 1,5 º C. Un estado de emerxencia implica redirixir todos os recursos dispoñibles dos Concellos para afrontar a crise climática cos problemas asociados que conleva.

8. A declaración de emerxencia climática supón iniciar un proceso de educación, formación e concienciación a toda a poboación sobre a verdade da crise ecolóxica e o enorme cambio necesario frear a emerxencia.

Por todo isto o Grupo Municipal EU SON DO PORRIÑO – SON EN COMÚN somete á aprobación do Pleno a adopción dos seguintes ACORDOS:

PRIMEIRO. A declaración inmediata do ESTADO DE EMERXENCIA CLIMÁTICA, que implica máis que un xesto e unha declaración de intencións:

1. Establecer os compromisos políticos, normativas e recursos necesarios para garantir reducións de gases de efecto invernadoiro e chegar ao balance neto cero non máis tarde de 2040 e se é posible antes de 2035, así como deter a perda da biodiversidade e restaurar os ecosistemas como única resposta posible para evitar un colapso de todos os sistemas naturais, incluído o humano. No noso caso concreto debemos asumir que As Gándaras de Budiño, ou máis ben o pouco que queda delas, a desfeita das canteiras ou a contaminación por lindano non poden agardar máis.

2. Abandonar os combustibles fósiles, apostando por unha enerxía 100 % renovable de maneira urxente e prioritaria. Para iso o goberno municipal debe analizar como acadar este obxectivo e propoñer os plans de actuación necesarios, entre outros, alcanzar o pleno autoconsumo eléctrico 100% renovables e unha mobilidade sustentable canto antes, crear espazos peonís, fomentar a bicicleta e outros medios de transporte non contaminantes, reducir a demanda de enerxía ata consumos sustentables, promover o aumento da eficiencia enerxética e das instalacións renovables, alcanzar unha política de residuo 0, apoiar a recuperación da terra fértil e o freo da erosión. A recuperación dos acuíferos, a xestión intelixente do territorio e abordar proxectos de rexeneración de espazos xa nomeados como As Gándaras de Budiño e as canteiras. Liderar da man do resto das administracións a loita pola descontaminación do lindano, participando en proxectos de ámbito autonómico, estatal ou europeo.

3. É necesario avanzar, entre outras, nunha economía local e de proximidade, que impulse a soberanía alimentaria, silvicultura, agricultura e gandería ecolóxica e de proximidade. Alcanzando canto antes a plena subministración agroecolóxica para a poboación.

4. Iniciar a necesaria adaptación do municipio á crise climática, coas consecuencias do incremento da temperatura global, as ondas de calor, a irregularidade das precipitacións e outras manifestacións que xa coñecemos.

5. A xustiza, a democracia e a transparencia deben ser alicerces fundamentais de todas as medidas que se apliquen, por iso é preciso establecer un mecanismo de toma de decisións cidadán de carácter vinculante con competencias en materia de vixilancia, seguimento e control das medidas adoptadas. Para iso será necesario establecer indicadores e obxectivos verificables e cuantificables. Será imprescindible a constitución desde a Comisión municipal con competencias en medioambiente do Consello de Medioambiente, que estará aberto á participación de todos os colectivos, asociacións veciñais, comunidades de montes, traídas veciñais de augas, estudantes, sindicatos etc.

SEGUNDO. O apoio institucional á FOLGA MUNDIAL POLO CLIMA QUE SE CELEBRARÁ A NIVEL GLOBAL O VINDEIRO 27 DE SETEMBRO, difundindo, colaborando e participando nas distintas mobilizacións e iniciativas que se vaian convocando para esa data.