“EU SON – SON EN COMÚN rompe calquera interlocución co PSOE do Porriño”

Publicado por o día 31/07/2020 na sección de Galicia,O Porriño,Política

“EU SON – SON EN COMÚN rompe calquera interlocución co PSOE do Porriño”

O Grupo Municipal EU Son do Porriño – Son en Común, representado pola nosa Concelleira Blanca Francés Rodríguez vén de participar hoxe da Comisión de Economía Facenda e Persoal, onde anunciou que non asistirá ao Pleno que se celebrará a vindeira semana. Está máis que clara a intención do grupo socialista de non cumprir o pactado con nós. Concluímos entón que ha de entenderse co grupo Popular para sacar as súas propostas adiante, pasando a ser o sentido do noso voto totalmente intrascendente.

Como xa manifestamos nas dúas últimas sesións plenarias, e por razóns amplamente expostas, é requisito imprescindible para calquera tipo de acordo co grupo Socialista do Porriño en temas tan trascendentais como a situación económica deste Concello, a dimisión da actual Alcaldesa. A responsable desta situación nin ten capacidade de xestión, e moito menos lexitimidade, para seguir a gobernar, amén das súas ausencias constantes por motivos que non nos interesan pero que imposibilitan o exercicio do seu cargo público.

A situación é insostible e é preciso que outra persoa tome a dirección, a partir de aí, toda a nosa disposición para chegar a un entendemento. Non podemos seguir con unha xestión sen rumbo e na que se vai dando tarde, mal e caóticamente a información imprescindible para poder decidir con rigor. Non imos participar nunha farsa.

Nós non quixemos entrar no goberno hai un ano, pero demos unha última oportunidade asinando un pacto de investidura moi xeneroso polo asumible das súas condicións. Non só non se corrixiron procederes anteriores senón que se seguiu polo mesmo camiño.

Por todo o antedido, non imos asistir a máis reunións, comisións ou Plenos nestas condicións. O PSOE decide, nas instancias que a nivel interno corresponda como organización e activando, ou non, os procedementos que considere.

Comentar noticia

Your email address will not be published.