A Eurodiputada Lídia Senra esixe que se garanta unha investigación independente sobre as causas do accidente de Angrois

A eurodeputada galega denuncia que o Estado español lles segue a negar ás vítimas do Alvia e á sociedade o seu dereito á verdade
Por o 25/01/2017 | Sección: ACE,Política,Vigo
A Eurodiputada Lídia Senra esixe que se garanta unha investigación independente sobre as causas do accidente de Angrois
Compartir en:

A eurodeputada galega denuncia que o Estado español lles segue a negar ás vítimas do Alvia e á sociedade o seu dereito á verdade. 

En presenza das vítimas, a Eurocámara pide unha investigación supervisada pola Comisión sobre as raíces profundas do sinistro.

Lídia Senra, eurodeputada galega integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), asegurou este martes ante a comisión de Peticións do Parlamento Europeo que “non é aceptable nin ético que as autoridades do Estado español lles neguen ás vítimas do accidente de Angrois e á sociedade o dereito a coñecer as verdadeiras causas do sinistro”. A eurodeputada galega acusou deste xeito ao Estado español “de antepoñer os intereses económicos á seguridade” no transcurso da petición que a Asociación de Vítimas do Alvia cursou esta mañá en Bruxelas para volver a reclamar ante as autoridades europeas unha verdadeira investigación independente sobre o grave accidente de tren que en xullo de 2013 causou a morte de 81 persoas e deixou máis de 140 feridos en Santiago de Compostela.

Os membros da comisión de Peticións do Parlamento Europeo, expresamente dedicada a atender as demandas da cidadanía da UE, pediron tras escoitar a dous representantes da asociación de vítimas  unha nova investigación independente coa supervisión da Comisión Europea “que aborde as debilidades do informe español anterior” e que os resultados da mesma sexan presentados de novo ante o Parlamento Europeo. A actuación do goberno español respecto das causas do accidente de Angrois volve quedar en tela de xuízo en menos dun ano, xa que en xullo de 2016 a Axencia Ferroviaria Europea emitiu un duro informe para a Comisión Europea no que acusaba ao Estado de non levar a cabo unha investigación independente, de non dar información nin voz ás vítimas e de pasar por alto as causas profundas do sinistro. Estas “causas profundas” son precisamente as que poden afectar ás empresas publicas implicadas, que á súa vez formaban parte do propio equipo de investigación da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) encargada de preparar o informe desbotado pola UE.

Durante a súa comparecencia no Parlamento Europeo, dous representantes das vítimas do Alvia, Jesús Dominguez e Teresa Gómez-Limón, recordaron o incumprimento do Estado das directivas de seguridade ferroviaria e interoperabilidade e do regulamento sobre avaliación e valoración de riscos, e do que entenden “unha violación dos dereitos máis esenciais, como o dereito á vida e á seguridade”, ao tempo que reclamaron “unha verdadeira investigación independente que axude a que isto non volva sucederlles a outros cidadáns europeos”. Os membros da asociación recordaron que malia o anunciado polas autoridades españolas, o tramo no que se produciu o accidente non tiña as prestacións de seguridade propias da alta velocidade e que os usuarios foron vítimas dunha “práctica comercial agresiva”. “Leváronnos á convicción de que era unha liña segura, non se nos advertiu de que toda a nosa seguridade dependía do maquinista”, lamentaron, en alusión novamente á investigación do Ministerio de Fomento, tumbada pola Axencia Ferroviaria Europea, que culpaba en exclusiva ao maquinista do tren por exceso de velocidade.

A Axencia Ferroviaria Europea xa ditaminou que a investigación levada a cabo no Estado non foi independente e por iso seguimos esixindo coñecer a verdade porque é o único que nos vai garantir que non se repitan este tipo de accidentes”, insistiu Lídia Senra.