A europarlamentaria Lídia Senra apoia a loita por unha xustiza adaptada á infancia

A eurodeputada impulsou unha xornada en Bruxelas sobre os dereitos dos e das menores de idade vítimas de abusos sexuais e maltrato
Por o 07/06/2017 | Sección: AGE,Política,Vigo
A europarlamentaria Lídia Senra apoia a loita por unha xustiza adaptada á infancia
Compartir en:

acolleu onte no Parlamento Europeo a xornada de traballo “Unha xustiza adaptada á infancia: A consideración da voz das vítimas menores de idade”, un encontro organizado en colaboración coa Asociación Galega contra o Maltrato a menores (AGAMME) e a Rede Internacional para os dereitos da infancia (Fight4 Child) e que contou coa presenza de persoas especializadas no tratamento de nenos e nenas que se ven inmersos en procesos xudiciais por casos de abusos sexuais e malos tratos.

Durante o encontro formuláronse unha serie de demandas que se presentarán proximamente ante UE co obxectivo de que sirvan de base para unha futura normativa comunitaria destinada a facer valer os dereitos dos menores nestes procesos a miúdo traumáticos debido a malas prácticas, falta de formación e nesgos machistas nos operadores xudiciais. No máis inmediato, estes colectivos pedirán que se cumpran as directrices aprobadas en 2010 polo Consello de Europa sobre unha xustiza adaptada á infancia, que sexan obrigatorias nos Estados membros e que se doten de orzamentos adecuados para poder facelas valer.

“Apoiamos que prevaleza a crenza no testemuño dos nenos e nenas nos procesos xudiciais, que se respecte o seu dereito a ser debidamente escoitados e informados e que se aposte pola formación dos profesionais da xustiza para evitar, entre outros problemas, que se podan usar nas probas periciais enfermidades cientificamente cuestionadas, como o Síndrome de Alienación Parental (SAP) ou que se lle impoñan ao menor medidas coercitivas e contra a súa vontade que provocan unha dobre vitimización”, sinalou a eurodeputada durante o encontro, no que participaron Víctor Manuel López Casal, avogado e vogal da área xurídica de AGAMMe, Sonia Vaccaro, psicóloga clínica e forensa e vicepresidenta de Fiht4 Child, Graciela Dora Jofré, xuíza de paz letrada de Villa Gesell, en Bos Aires, e María Elena Elverdin, presidenta da Federación Internacional de Mulleres de Carreiras Xurídicas.

Todos eles denunciaron a invisibilización dos abusos sexuais dentro da familia, o tratamento pouco axeitado que reciben os cativos e cativas ante unha xustiza penal e civil que os atende, na práctica, como “adultos en miniatura” ou “incapaces”, que non adapta a súa linguaxe á recollida de testemuños infantís e aos seus tempos ou que incide no risco de “denuncias falsas” malia que estas son “anecdóticas”. “Non pode ser que o mesmo psicólogo ou psicóloga avalíe do mesmo xeito a unha parella que se está divorciando, a un ancián ou a un menor que sufre abusos”, lamentou a vicepresidenta de Fight4 Child ,Sonia Vaccaro, que insistiu na importancia da formación e o enfoque de xénero na recollida de testemuños infantís. “O abuso infantil é un delito con altos niveis de impunidade. Os delitos deste tipo acaban pechados nun 63% na fase de instrución”, apuntou o avogado Víctor Manuel López Casal.

Ademais, os participantes reclaman que as custodias compartidas e as restitucións internacionais non se apliquen cando haxa de por medio denuncias por abusos sexuais e maltrato“Na práctica estase a considerar ao neno ou nena como cidadán de segunda categoría. O adulto colócase na posición do que sabe que é o mellor para o menor e iso leva a situacións que nunca se darían cun adulto”, criticou, pola súa parte, a xuíza arxentina Graciela Jofré. “Un pai violento nunca é un bo pai”, recalcou María Elena Elverdin, presidenta da Federación Internacional de Mulleres e Carreiras Xurídicas.

O documento co que Fight4 Child e AGAMME se dirixirán á UE demandará tamén a creación dun instituto de formación a nivel comunitario de xuíces, fiscais e demais operadores xudiciais baseado nun enfoque de xénero e que sirva para garantir que os profesionais que tratan os casos de abusos infantís teñan os coñecementos necesarios para levalos a termo respectando os dereitos do menor.

Lídia Senra destacou a importancia de concienciar á opinión pública sobre a protección da infancia ante estes procesos xudiciais, á espera dos resultados da investigación da Comisión Europea sobre a transposición deficiente por parte do Estado español das directivas da UE sobre nenos e nenas vítimas de violencia machista e abusos logo da denuncia de AGAMME ante a comisión de Peticións do Parlamento Europeo.