Eva Solla: “A Xunta de Galicia debe reflexionar e poñer en marcha políticas cara a creación de emprego de calidade que axude á economía das galegas e galegos”

Publicado por o día 03/09/2019 na sección de Esquerda Unida,Política

Eva Solla: “A Xunta de Galicia debe reflexionar e poñer en marcha políticas cara a creación de emprego de calidade que axude á economía das galegas e galegos”

Segundo os datos dados a coñecer esta mañá, o paro sobe en Galicia neste mes de agosto ata situarse no total de 153.820 persoas desempregadas na nosa comunidade, cifras moi negativas que cronifican o desemprego e perpetúan un modelo de emprego temporal e de miseria, facendo retroceder a nosa economía ata cifras de anos previos á crise.

Tal e como explica a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, “nestes últimos anos asistimos a un empobrecemento total da clase traballadora. Un exemplo disto é que un 94% dos novos contratos firmados en agosto foron temporais”, precisa. Para Solla, “estamos a ver unha tendencia onde a situación é claramente máis complicada para as mulleres que para os homes. Tamén para as mozas e mozos menores de 35 anos, que acceden, moitos por primeira vez, a empregos de extrema precariedade”. 

Ante estes preocupantes datos, Eva Solla lamenta que “o Goberno do PP non teña un plan de emprego diferente ao da precariedade e temporalidade”, e asume que é hora de que “a Xunta de Galicia reflexione e poña en marcha políticas de cara a creación de emprego de calidade que axude á economía das galegas e galegos”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.