Eva Solla acusa á Xunta de someter a “escravismo” ao persoal dos Puntos de Atención Continuada

A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, esixiu un plan de mellora da Atención Primaria dotado de persoal, equipamento e orzamento
Publicado por o día 06/11/2018 na sección de En Marea,Política

Eva Solla acusa á Xunta de someter a “escravismo” ao persoal dos Puntos de Atención Continuada

A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, reclamou un plan de mellora da Atención Primaria, dotándoa de persoal, equipamento e acceso aos recursos orzamentarios necesarios para garantir políticas de promoción e prevención da saúde, así como unha asistencia de calidade, recuperando as xerencias de Atención Primaria para unha mellora da capacidade decisoria e de xestión. Na súa intervención Eva Solla preguntoulle ao Goberno galego “canto vale a vida dunha persoa para a Xunta de Galicia que despois do fatídico día na Estrada en verán sigan sen facer absolutamente nada para acabar con este problema tan grave como é a falla de persoal nos PAC galegos”.

“Na Consellería de Sanidade ou son un necios ou son uns temerarios xa que non son quen de cubrir os servizos mínimos, como en Moaña, e para o Goberno galego non pasa nada ata que volva a acontecer unha desgracia” denunciou Eva Solla.

A deputada de En Marea lamentou tamén o xeito de proceder da Xunta de Galicia que en lugar de falar co persoal e escoitar as súas propostas, a Xunta opta por non cumprir a Lei nin en materia de descanso do persoal pero tampouco no dereito á folga. “Someten ao persoal a extenuación física e mental. Non hai dereito nin para os profesionais e usuarias. Aceptase o escravismo na sanidade pública” afirmou Eva Solla.

“Porque non escoitan aos profesionais e as súas propostas. Onde está o dereito ao descanso, onde está o dereito a conciliar, onde está o dereito a folga? Non sirve con dicir que son bos profesionais, hai que cumprir con eles. Débenlles as noites e festivos, non hai persoal, obrigan a facer horas, non hai planificación desde hai anos. Estamos ante un maltrato aos profesionais públicos” engadiu.

A deputada de En Marea rematou a súa intervención subliñando que os recortes derivan nun empeoramento de todos o sistema sanitario público e reclamando este plan de atención primaria así como dotar aos PAC de equipos completos, e persoal suficiente en función de obxectivos baseados na carga asistencial, dispersión, distribución e distancia ao hospital, cumprimento das directivas europeas en materia de tempos de traballo, mudar o actual cómputo horario de persoal de xeito que non se contabilicen as incapacidades temporais e permisos retribuídos como tempo non traballado, e elaborar un plan de continxencias que permita manter persoal dispoñible en todo momento para poder cubrir as ausencias.
EN MAREA ESIXE Á XUNTA QUE ATENDA AS DEMANDAS DO PERSOAL DAS URXENCIAS DO CHUS

Na sesión plenaria de hoxe Eva Solla defendeu tamén ante o pleno da Cámara, a proposición non de Lei do seu grupo na que se denunciaba a intolerable situación que están a vivir o persoal sanitario e non sanitario do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago que desde hai tempo leva denunciando unha situación de total descontrol e abandono. Os profesionais denuncian a falta de medios, tanto de persoal como de material, que provoca situacións de moitas tensión entre o persoal das urxencias que ve como ante a desidia da dirección do hospital, empeora a calidade asistencial repercutindo non só nas doentes e nos doentes, se non tamén nas condicións laborais e carga de traballo do propio persoal.

As ratios de pacientes que teñen son superiores ás que poden levar como destacou a deputada de En Marea, pero esa circunstancia non impide que teñan as ratios de persoal máis baixas que hospitais cos que se poidan comparar como o CHUAC ou o CHUVI, que xa de por si, atópanse tamén bastante saturados e faltos de persoal.

En canto ao material, denuncia que están a traballar con aparatos de fai 20 anos, que dado o uso continuo ao que se someten en urxencias, atópanse nunhas condicións lamentables, que no mellor dos casos intentan ser solucionadas con reparacións e pezas de recambio, que nin de lonxe supoñen unha solución ao problema, pois volven a avariarse cada pouco tempo.

Pese ás reunión mantidas coa dirección e a xerencia, na que foron trasladadas as demandas mínimas que xa non podían adiarse máis, sendo recoñecido pola propia dirección a mala situación, as cuestións comprometidas seguen sen levarse a cabo pese a existir partidas habilitadas para tal fin, segundo a información dada pola propia xerencia en maio do ano pasado, en relación a actualización do servizo de raios. “Esta situación de falta de inversión nas urxencias, resulta totalmente inadmisible tanto polo empeoramento da calidade asistencial da sanidade pública como das condicións laborais do persoal, sobre todo tendo en conta que a dirección e a xerencia son plenamente coñecedoras da situación denunciada” defendeu Eva Solla.

Ante esta situación, o grupo parlamentario de En Marea presentou unha proposición non de lei na que se insta á Xunta a dotar as urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago dos medios materiais e humanos necesarios demandados polo persoal do centro.