Eva Solla asistiu á Asemblea Internacional dos Pobos para “compartir un espazo de reflexión e de solidariedade internacionalista”, en Caracas

Publicado por o día 28/02/2019 na sección de Esquerda Unida,Política

Eva Solla asistiu á Asemblea Internacional dos Pobos para “compartir un espazo de reflexión e de solidariedade internacionalista”, en Caracas

Eva Solla, vicepresidenta do Parlamento de Galicia e coordinadora nacional de Esquerda Unida, estivo ata o vindeiro 27 de febreiro en Venezuela onde participou na Asemblea Internacional dos Pobos (AIP): En solidariedade coa Revolución Bolivariana e contra o imperialismo, celebrada en Caracas (Venezuela), e que reúne a diferentes organizacións sociais e activistas comprometidas co país, que está a soportar un intento de golpe de Estado baixo o amparo de EE.UU.

En palabras de Eva Solla, “temos unha situación de escalada bélica, por parte de EE.UU., apoiada por Colombia e o Brasil de Bolsonaro e que desgrazadamente apoiou tamén a Unión Europea, que viola os dereitos defendidos por parte das Nacións Unidas e que supón unha continua ameaza ao pobo venezolano”, é por iso que “os representantes públicos temos a obriga de mostrar o noso apoio ao movemento de solidariedade e soberanía dos pobos”, sinala.

Esta mostra de solidariedade plásmase nas xornadas onde están a traballar intelectuais, activistas, colectivos sociais e representantes políticos que, en palabras de Solla, “compartimos un espazo de reflexión e de solidariedade internacionalista”. Para abrir as xornadas, a vicepresidenta de Venezuela, Delcy Rodríguez, pronunciou un discurso contundente no que denunciou as ameazas militares de EE.UU. Tamén se levaron a cabo diversos traballos como do Grupo Europeo, no que participou Solla, que propuxo unha campaña informativa global sobre a situación real de Venezuela en contra da desinformación vertida por moitos medios de comunicación.

Dende Venezuela, Solla sinala que “obviamente, ningunha intervención bélica, ningunha agresión contra o pobo venezolano e contra o seu Goberno pode solventar por razóns obvias ningún problema político”, de feito, de ocorrer, “só empeoraría a situación das persoas que viven aquí”. Ata o mércores, Solla continúa a traballar na Asemblea dos Pobos xunto a máis de 400 persoas acreditadas de 85 nacionalidades.

Comentar noticia

Your email address will not be published.