Eva Solla: “escoitar o discurso do PP sobre os Orzamentos é como vivir o Día da Marmota”

A deputada criticou que o conselleiro de Sanidade non mencionase na súa comparecencia as adiccións ao xogo
Publicado por o día 29/10/2019 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

Eva Solla: “escoitar o discurso do PP sobre os Orzamentos é como vivir o Día da Marmota”

Eva Solla interveu esta tarde na comparecencia do conselleiro de Sanidade sobre os Orzamentos, ao que lle reprochou que “todos os anos di o mesmo, que presentan os Orzamentos de maior gasto social da Historia de Galicia”. “Eu síntome como se vivise o Día da Marmota, e aínda por riba ese discurso que repiten en todas as comparecencias é totalmente falso, porque o peso do gasto social no PIB descende de forma brutal”, engadiu.

A porcentaxe do peso da Sanidade no PIB sitúase para 2020 no 6,05%, fronte ao 6,63% de 2009. En concreto, a Atención Primaria supón un 1,9% do PIB e os programas de prevención en materia de saúde un 0,1%, o que Solla cualificou como “un desastre” “Estes datos evidencian que o deterioro do modelo estaá relacionado coa falta de financiación para todo o que non supoña un nicho de negocio. Seguimos na mesma tendencia de descapitalizar o que debera ser máis importante, a prevención: o noso sistema debe apostar moitísimo máis por ela”, expuxo a deputada do Grupo Común da Esquerda.

Eva Solla tamén lle recriminou ao conselleiro que, tras o bloqueo do Partido Popular á modificación da Lei do Xogo proposta no último Pleno polo Grupo Común da Esquerda, na súa comparecencia ignorase de novo a problemática ao non facer ningunha mención a ela. “Con 10.000 menores enganchados ao xogo en Galicia, vostede non di nada? En materia de prevención das adiccións, a Xunta leva 10 anos de atraso, recortes e falta de integración no sistema público de saúde”, condenou a deputada.

No respectivo ao emprego, Solla cualificou as subas de salarios previstas para o persoal como “exiguas”, xa que  non se remata cos acordos en virtude dos cales se fixeron as folgas nos PAC e en Atención Primaria. “Gábase das 38 novas prazas de enfermería en Atención Primaria. Sinceramente, coa situación que vivimos, non me parece para estar orgulloso. É un número moi escaso”.

Outros asuntos que abordou Eva Solla foron a necesidade de dotar de recursos ao Plan de Atención aos Suicidios, que se anuncia de forma propagandística sen contemplar un incremento de persoal no ámbito da saúde mental nin aumentar os psicólogos clínicos en Atención Primaria, ou a problemática da pobreza farmacéutica, con miles de galegos que non poden pagar os seus medicamentos. Así mesmo, instou o conselleiro a estudar a subvención de preservativos e métodos de barreira.

Comentar noticia

Your email address will not be published.