Eva Solla: “Feijóo está xogando cos cartos de todas as galegas, vendendo o persoal de Povisa e a asistencia sanitaria de 140 mil persoas”

A deputada do Grupo Común da Esquerda reclamou que sexa a Xunta quen se faga cargo de Povisa para garantir o emprego e que a atención sanitaria sexa pública.
Publicado por o día 02/10/2019 na sección de Galicia,Grupo Común da Esquerda,Política,Vigo

Eva Solla: “Feijóo está xogando cos cartos de todas as galegas, vendendo o persoal de Povisa e a asistencia sanitaria de 140 mil persoas”

A deputada do Grupo Común da Esquerda, Eva Solla, mantivo este mércores unha xuntanza co comité de empresa do Hospital Povisa, que se atopa inmerso nun proceso de venda ao grupo Ribera Salud, controlado polo fondo de capital risco norteamericano Centene. Solla, en declaracións aos medios de comunicación tras a reunión, á que asistiron tamén o deputado Marcos Cal e o concelleiro da Marea de Vigo Rubén Pérez, denunciou que “o señor Núñez Feijóo está xogando cos cartos das galegas e galegos, regala cartos públicos ás empresas, vende os traballadores e vende a asistencia sanitaria de 140 mil persoas, que non poden decidir se queren que a súa asistencia se dea a través dunha multinacional, que dende logo debería estar lonxe da atención sanitaria”.

Eva Solla anunciou que “imos pedir a comparecencia do conselleiro de Sanidade e imos solicitar as contas desta empresa, como xa fixemos en varias ocasións e a Xunta non as facilitou”.  Ademais, sinalou que “imos solicitar que o goberno galego se faga cargo da empresa polo método menos gravoso para as arcas públicas, pero a atención sanitaria ten que ser pública e ten que garantirse o emprego destas 1350 persoas. Se o valor que van pagar é de 22 millóns de euros, obviamente as arcas públicas poden facerse cargo e garantir o emprego e a asistencia sanitaria. É unha vergoña que sexa unha multinacional leve a asistencia sanitaria de tantas galegas”.

A deputada tamén afeou que esta operación “foi un sanemamento de contas que se produciu o ano pasado cando a empresa entrou en preconcurso de acredores, e a Xunta unha vez máis decidiu rescatalo para vendelo posteriormente a unha empresa multinacional”. Con respecto á situación do persoal amosou a súa preocupación “polo absoluto descoñecemento da propia venda. Nin por parte da empresa nin da Xunta se informou ás traballadoras e traballadores, tiveron que enterarse a través dos medios de comunicación”. Deste xeito, tamén lamentou que estas 1350 persoas “seguen cun convenio conxelado dende o ano 2010 e as melloras no concerto de Povisa non se traduciron en melloras laborais”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.