Eva Solla insta a Xunta a acelerar os prazos do Proxecto de Lei de regulación das casas de apostas

A deputada denunciou que o director xeral de Emerxencias e Interior admitise que se estaban a facer modificacións lexislativas en base ás demandas do sector do xogo
Publicado por o día 05/02/2020 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

Eva Solla insta a Xunta a acelerar os prazos do Proxecto de Lei de regulación das casas de apostas

O Partido Popular votou, no seu momento, en contra da Proposición de Lei presentada na Cámara galega polo Grupo Común da Esquerda sobre a regulación do xogo e as apostas, argumentando que xa estaban a preparar un Proxecto de Lei desde a Xunta. Porén, non hai aínda novas sobre este Proxecto a pesar da proximidade da fin da lexislatura, o cal Eva Solla lle recriminou ao vicepresidente da Xunta no Pleno do Parlamento desta tarde a través dunha interpelación.

Solla lembrou os “preocupantes datos” que ofrecen as asociacións e colectivos que traballan con persoas ludómanas e exludómanas e que apuntan cara un caso de “epidemia sanitaria”, especialmente entre a mocidade, xa que en Galicia hai 10.000 menores de idade que apostan. A deputada do Grupo Común da Esquerda sinalou que esta grave situación é, en gran parte, “consecuencia da política autonómica que favoreceu a implantación do xogo en Galicia”. Fixo referencia, nomeadamente, ás actas da Comisión do Xogo, nas que se evidencia que o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, admitiu abertamente que se estaban a impulsar modificacións lexislativas instadas polo sector do xogo. A deputada tamén lembrou que o propio Rueda habilitou en 2016 o incremento de licenzas de máquinas de apostas en Galicia e que Villanueva tamén chegou a apelar á necesidade de instalar máquinas de apostas auxiliares en locais de hostelería.

“Benvido á preocupación pola adicción ao xogo e a saúde dos menores do noso país”, díxolle despois Solla a Rueda tras escoitar a súa resposta. “Estiveron anos facendo todo o contrario ao que recomendan os expertos e dando facilidades ao sector do xogo, e se cambiaron minimamente de rumbo foi porque están vostedes alarmados pola mobilización social”, engadiu a deputada. Tal cambio de rumbo sería a paralización da concesión de licenzas a casas de apostas ata que non se tivese o borrador da nova Lei, introducida vía Decreto. Porén, o Decreto tiña unha duración de nove meses que xa transcorreron e a Xunta viuse obrigada a amplialo dado que o Proxecto aínda non está listo.

A deputada do Grupo Común da Esquerda acusou o Goberno do PP de “dicir unha cousa e facer outra” e lembrou que durante a tempada de Nadal autorizaron tamén a ampliación do horario de apertura das casas de apostas, facilitando que acudise máis xente durante as vacacións. Así mesmo, ademais de reclamarlle ao vicepresidente da Xunta que acelere os prazos do Proxecto de Lei para que poida ser aprobado antes da fin da lexislatura, esixiulle tamén que exerza de forma plena as competencias que ten Galicia a respecto das apostas presenciais, ademais de coordinarse co Ministerio de Consumo para a regulación das apostas online, que si son competencia estatal. “Os estudos indican que a maioría de menores en Galicia apostan de xeito presencial, algo que a Xunta ten na súa man regular, por exemplo no que respecta ás distancias entre as casas de apostas e os centros educativos, porque 300 metros son moi poucos e porque a distancia se ten que marcar non só con colexios e institutos, senón tamén con parques, lugares recreativos e asociacións de ludómanos”, finalizou Solla.

Comentar noticia

Your email address will not be published.