Eva Solla, respecto ao informe sobre as Contas do Sergas: “A Xunta debería pedir desculpas aos profesionais da sanidade pública”

Publicado por o día 06/08/2019 na sección de Esquerda Unida,Política

Eva Solla, respecto ao informe sobre as Contas do Sergas: “A Xunta debería pedir desculpas aos profesionais da sanidade pública”

Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida, ofreceu esta mañá unha rolda de prensa na que valorou a actualidade sanitaria, marcada pola saturación e colapsos nos servizos de urxencia e PACs e fixo unha análise do informe do Consello de Contas nesta materia. En palabras de Eva Solla, “este verán se seguen a producir situacións de saturación en servizos de urxencia, como en Ferrol ou Pontevedra, a pesar do acordo asinado pola Xunta de Galicia en relación á folga que as e os traballadores mantiveron nove meses. A tenor de esta situación, nada está a mudar dentro da Consellería de Sanidade”.

A pesar deste contexto de saturacións e recortes, Solla apunta que “o informe do Consello de Contas denuncia (na páxina 107) o incremento da temporalidade no SERGAS e advirte a diminución de 582 efectivos de persoal propietario e un incremento tanto das persoas interinas como das eventuais. Este informe afirma que o persoal que recupera praza en propiedade é o 62% do total, polo que os datos ofrecidos no Parlamento son mentira.

“Traslada o Consello de Contas que o aumento de temporalidade no SERGAS é alta: o 40% na atención especializada e o 28% na primaria, observándose un incremento interanual nos mesmos. Isto indica que o presidente da Xunta é un mentiroso. Por iso, dende Esquerda Unida, esiximos unha desculpa aos profesionais do SERGAS, que foron tratados de forma infantil dicindo que os datos non son reais. O reclamo de recortes de sanidade é inadmisible. Non pode haber máis recortes cando falta persoal”, di.

Para Solla, este problema só aumentará no futuro. “Hoxe temos datos duns 370 médicas/os que nos vindeiros anos se van xubilar. Polo que, senón hai políticas para incrementar o efectivos na sanidade pública, este problema vai ser peor nos vindeiros anos”, sinala.

Respecto ao Hospital Povisa, o Consello de Contas recoñece unha realidade dura que é a redución de camas no Hospital de Vigo para favorecer o concerto con Povisa. “Finalmente, un hospital que tiña 1465 camas quedouse con 852, algo que xa denunciamos dende Esquerda Unida e que tamén reflicte o informe do Consello de Contas”, apunta.

Outro dato, que a xuízo de Solla pasou desapercibido, foi que un fondo de Luxemburgo (fondo River Rock) comprou o 16% do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, “unha compra suxeita a unha autorización da Xunta, que evidencia que a nosa sanidade pública está en mans de fondos de especulación privados e que o proxecto que a Xunta di que estaba resolto é un fracaso, evidenciado por máis de 10 contenciosos que a Xunta ten coa concesionaria do Hospital, que ten uns 8,7 millóns en beneficio”. Dende Esquerda Unida vimos defendendo que a Xunta se faga coa concesionaria e, xa como AGE, esiximos que o hospital pasase dunha vez por todas a mans públicas, xa que unha parte do custe real está moi amortizada cos pagos efectuados nos últimos anos, polo que se pode facer un cálculo e esixir á Xunta a que se faga co centro.

Por último, Solla sinalou que o informe do Consello de Contas traslada que “se o concerto de Povisa se mantivera no tempo, sería un incremento do gasto de 7 millóns de euros máis para o erario público”, polo que “hai un dragado de cartos públicos para unha empresa privada, polo que estamos rescatando con cartos públicos un negocio ruinoso”.

Por todo isto, dende Esquerda Unida propoñemos que, da forma menos gravosa, se adquira o Hospital. “Non podemos engordar as contas dunha empresa e dunha familia particular mentres se recorta na sanidade pública”, rematou Solla.

Comentar noticia

Your email address will not be published.