Eva Solla: “A Xunta ten que sentarse a negociar un calendario de devolución dos dereitos laborais recortados aos profesionais sanitarios”

En Marea apoia a folga convocada polas organizacións sindicais para o día 2 e 3 de novembro.
Por o 27/10/2017 | Sección: En Marea,Galicia,Política,Sanidad
Eva Solla: “A Xunta ten que sentarse a negociar un calendario de devolución dos dereitos laborais recortados aos profesionais sanitarios”

En Marea vén de rexistar unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia na que reclama a apertura dunha mesa de negociación cos sindicatos sanitarios que elabore un calendario para recuperar os acordos acadados en 2008, que equiparaban as condicións laborais e retributivas dos traballadores da sanidade galega aos do resto do Estado.

Non é a primeira vez que a voceira de Sanidade de En Marea, Eva Solla, traslada ao Parlamento esta demanda. “Nunca houbo xustificación para aplicar os recortes en sanidade nin nos dereitos dos seus traballadores que executou o goberno de Feijóo dende a súa chegada ao poder, pero agora que o PP defende cada día o discurso da recuperación económica, é inaceptable que siga sen cumprir as condicións pactadas hai oito anos cos representantes dos traballadores e traballadoras”, sinala Solla.

As condicións laborais ás que se refire a parlamentaria de En Marea son dereitos acadados e consolidados que fan referencia a retribucións específicas como, por exemplo, un tratamento axeitado das prestacións de servizos nos domingos e festivos, nas gardas dos días 24, 25, 31 de decembro ou 1 de xaneiro. “Esiximos unha negociació por parte da Xunta como acaba de facer cos sindicatos médicos”, require Eva Solla.

En Marea tamén manifesta o seu apoio como organización á folga convocada polas organizacións sindicais sanitarias para os vindeiros días 2 e 3 de novembro.