Eva Vilaverde: “a IXP Ribeiras do Morrazo pode chegar a crear un nicho de mercado importante”

A deputada recibiu esta mañá a un grupo de produtores e técnicos para dar a coñecer o labor da EFA en materia de asesoramento e servizos específicos no campo da viticultura
Publicado por o día 21/09/2018 na sección de Cangas,Deputación de Pontevedra,Galicia,Moaña

Eva Vilaverde: “a IXP Ribeiras do Morrazo pode chegar a crear un nicho de mercado importante”

Un grupo de 20 persoas, formado por produtores e produtoras da IXP Ribeiras do Morrazo e por técnicos da Asociación Galega de Viticultura (AGV), visitou esta mañá as instalacións da Estación Fitopatolóxica de Areeiro para coñecer de primeira man o traballo que se realiza neste centro no campo da viticultura. Foron recibidos pola deputada delegada do centro, Eva Vilaverde, quen lles explicou que “o que hoxe pretendemos aquí é que coñezades os servizos que se vos ofrecen desde a EFA, e que saibades como vos poden ser de utilidade e como acceder a eles”. Vilaverde indicoulles que o obxectivo último do asesoramento e dos servizos que se lles van prestar é o de “acadar un salto cualitativo no desenvolvemento da vosa IXP”, e amosoulles o seu convencemento de que “podedes chegar a crear un nicho de mercado importante no futuro, apostando pola recuperación das castes autóctonas”.

A deputada fixo especial fincapé na recuperación das castes autóctonas e mesmo felicitou aos produtores “que fixestes o traballo de conservación desas castes, porque todo o que se consiga a partires de agora é grazas a que vós puxestes esa primeira pedra”. Tamén parabenizou a produtores, produtoras e técnicos da AGV pola consecución do recoñecemento da IXP Ribeiras do Morrazo e indicou que “desde a Administración faremos todo o posible para axudar a que esta IXP medre e que colla impulso”. En canto ás liñas de asesoramento e dos servizos dos que dispón a EFA no campo da viticultura, a xefa de servizo Carmen Salinero e os técnicos Pablo Rodríguez e Rosa Pérez, informaron que son tres os servizos fundamentais. O primeiro deles é o servizo de edafoloxía, que se centra na análise dos solos das parcelas, o que resulta moi útil tanto antes de iniciar unha plantación como despois de cada colleita, para que os produtores e produtoras poidan dispoñer de información técnica sobre o tipo de solo co que teñen que traballar e as recomendacións máis acaídas en materia de fertilizantes. O segundo servizo é o fitopatoloxía, onde se analiza o estado das vides e as principais enfermidades e pragas que lle poden afectar, de cara a determinar os tratamentos máis acaídos. E o terceiro é o sistema de avisos fitosanitarios periódicos que se emiten desde a EFA durante cada campaña ata o momento da vendima, nos que se teñen en conta a evolución dos patóxenos por zonas e castes de uva e as previsións a curto e medio prazo para o seu eficaz tratamento.

A visita desta mañá enmárcase na liña de apoio da Deputación de Pontevedra á mellora da profesionalización das viticultoras e viticultores da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) ‘Ribeiras do Morrazo’. Este apoio fora materializado oficialmente coa sinatura dun convenio o pasado mes de xullo entre o ente provincial e a AGV para prestar apoio e formación ás viticultoras e viticultores dos oito concellos da provincia que conforman a IXP (Bueu, Cangas, Moaña, Marín, Vilaboa, Pontevedra, Poio e Redondela), xa que moitos deles quedaron fóra da Denominación de Orixe Rías Baixas a pesar de contar con uva de calidade. De feito, a intención do convenio entre Deputación e AGV –valorado en 40.000 euros– é sentar as bases de coñecemento e experiencia para que produtoras e produtores poidan profesionalizarse e transformar as súas explotacións de xeito que aproveiten a creación da nova Indicación Xeográfica Protexida como unha apertura ao mercado do viño.