Evacuado nun helicóptero tras ser rescatado da auga na Praia de Nerga, en Cangas

Publicado por o día 29/08/2018 na sección de Sucesos

Evacuado nun helicóptero tras ser rescatado da auga na Praia de Nerga, en Cangas

Un home foi evacuado esta tarde nun helicóptero medicalizado do 061-Urxencias Sanitarias despois de ser rescatado da auga na Praia de Nerga, en Cangas. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, tras ser reanimado, o varón foi trasladado na aeronave ao Hospital Álvaro Cunqueiro.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ás 13:05 horas, a través dos socorristas da praia. No seu relato indicaban que o home podería estar afogado e solicitaban unha ambulancia.

Acto seguido, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia pasaba o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Policía Local e a Protección Civil. Ademais, dende o CIAE 112 Galicia se puxo a situación en coñecemento de Salvamento Marítimo e do Servizo de Gardacostas de Galicia.