Os servizos de emerxencia evacuaron esta mañá a un ciclista tras sufrir unha indisposición cando circulaba polo concello pontevedrés de Vilaboa.
Tras as manobras de reanimación, a persoa foi traslada polos profesionais sanitarios ao Hospital Álvaro Cunqueiro.
Foi un particular quen se atopou co ciclista inconsciente e tendido no asfalto, polo que axiña chamou a Emerxencias 112 Galicia para pedir axuda médica urxente. Deseguido, os xestores de emerxencias avisaron ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros do Morrazo e aos axentes de Tráfico.
Cómpre sinalar que este operativo activouse ás nove desta mañá, cando o 112 Galicia recibiu a chamada da persoa que alertaba sobre a situación do ciclista, que xa iniciara as manobras de reanimación do ciclista.
Caída dun ciclista
Non foi o único suceso cun ciclista implicado rexistrado no 112 Galicia nestas últimas horas. Preto das 11:45 horas, un ciclista sufriu unha forte caída en Cervantes. Ocorreu cando practicaba deporte nunha pista secundaria no lugar de Robledo, na parroquia de Donís.
Así o indicaba ao 112 Galicia o propio afectado para pedir asistencia sanitaria. Aseguraba que se dirixía cara Vilar, preto do Porto de Ancares, pero non podía precisar a súa localización exacta.
Ao mesmo tempo que os xestores de emerxencias do 112 Galicia solicitaban ao deportista o envío das coordenadas a través dun servizo de mensaxaría, os membros do GES de Becerreá comunicaban que un veciño da vila atopouse co ciclista ferido.
Decontado, o persoal do 112 Galicia informou aos profesionais sanitarios aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos membros de Protección Civil da localidade.
Deste xeito, os efectivos de salvamento e profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 accederon ao ciclista para así poder trasladalo nunha ambulancia ata o centro hospitalario de referencia.
Noticias de última hora en Vigo