Evacuado un mozo nunha praia de Moaña de difícil acceso

Uns mariñeiros da zona rescataron a pasada noite a un mozo que precisaba asistencia sanitaria. O rapaz atopábase na praia do Con, en Moaña, nun lugar de difícil acceso.

Faltaban dez minutos para as 22:00 horas, cando o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 solicitou axuda ao 112 Galicia para evacuar a un paciente que se atopaba nunha cala pequena, na praia de Con. Indicaban que o acceso por terra era moi complexo, polo que posiblemente, sería necesario facer o rescate por mar.

Con estes datos, desde o 112 Galicia pasouse aviso a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas, que barallarían a posibilidade de enviar unha embarcación para evacuar ao rapaz si se confirmara a imposibilidade de facelo por terra.

Así mesmo, os xestores do 112 informaron aos axentes da Garda Civil, da Policía Local, da Policía Autonómica e aos Bombeiros do Morrazo e de Vigo.

Unha vez no punto, os axentes da Policía Local confirmaron o acceso por terra e o rapaz, tras ser rescatado, foi trasladado por uns mariñeiros da zona nunha embarcación ata o peirao da praia, onde o agardada unha ambulancia para derivalo ao centro sanitario da localidade.

Rescate na Pobra do Caramiñal

Por outra banda, o 112 Galicia tamén foi alertado, pasadas as 19:00 horas deste martes, de dúas persoas en apuros nun areal da Pobra do Caramiñal, no lugar de Cabío, entre a Punta de Cabío e a praia da Illa. Afortunadamente, os dous, o pai e a filla, foron rescatados sans e salvos.

Foi unha persoa particular quen alertou ao 112 Galicia. Indicaba que un home e unha nena ían nunha táboa e os levaba o vento contra as bateas e asemellaba que estaban en apuros.

De inmediato, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento de Salvamento Marítimo e do Servizo de Gardacostas de Galicia. De igual xeito, informaron á Garda Civil e á Policía Local. Tamén, postos en contacto cos socorristas, durante a conversa, comunicaron que un barco de pesca se estaba achegando a eles.

Finalmente, foron recollidos polo pesqueiro, sans e salvos, e levados ata a beira do areal.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario