Evolucionan favorablemente os tres traballadores ingresados tras o accidente dun autobús en Oia

Nestes momentos 12 pacientes xa foron dados de alta hospitalaria mentres que o resto permanecen nos hospitais, 5 no Álvaro Cunqueiro e 5 en Vithas Fátima
Publicado por o día 10/09/2020 na sección de Galicia,Oia,Sucesos,Vigo

Evolucionan favorablemente os tres traballadores ingresados tras o accidente dun autobús en Oia

A Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu ás 22.55 horas do día de onte, 8 de setembro, unha chamada de demanda sanitaria polo accidente de tráfico dun autobús no concello de Oia. Ata o punto mobilizáronse tres ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado, os equipos sanitarios dos PAC da Guarda e Nigrán e 12 ambulancias asistenciais de soporte vital básico.

Os recursos mobilizados asistiron no punto e trasladaron a 22 persoas (18 homes e catro mulleres) aos centros hospitalarios: sete pacientes ao Hospital Álvaro Cunqueiro, sete ao Hospital Vithas Nosa Señora de Fátima, catro ao Hospital Povisa e catro ao HM O Castro-Nosa Señora do Perpetuo Socorro.

Nestes momentos, 12 pacientes xa foron dados de alta hospitalaria -presentaban policontusións e feridas leves- mentres o resto continúan sendo atendidos nos hospitais, 5 en Vithas Fátima e 5 no Álvaro Cunqueiro, todos eles cun prognóstico leve ou moderado.

O ferido que reviste maior gravidade foi intervido cirurxicamente no Álvaro Cunqueiro e está en Reanimación, aínda que presenta unha evolución favorable. Os outros 4 permanecen en Observación no servizo de Urxencias, pendentes de evolución. No referido a Vithas Fátima, un dos feridos está sendo intervido cirurxicamente nestes intres, mentres que os outros 4 ingresaron en planta.

O conselleiro de Sanidade, Julio Garcia Comesaña, achegouse a primeira hora da mañá aos hospitais vigueses para interesarse polo estado dos feridos e agradecer o labor realizada polos servizos sanitarios, especialmente as Urxencias sanitarias de Galicia 061, os equipos de urxencias de atención primaria de A Guarda e Val Miñor así como os servizos hospitalarios tanto o de Urxencias como outros con implicación nesa asistencia, aos que felicitoulles pola excelente coordinación e eficacia na atención aos feridos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.