Excarcerado un condutor despois de colidir o seu vehículo contra un camión en Vimianzo

Por o 02/10/2018 | Sección: Sucesos
Excarcerado un condutor despois de colidir o seu vehículo contra un camión en Vimianzo

Unha persoa resultou ferida de consideración despois de colidir un camión –de transporte de penso- e un turismo.

O accidente ocorreu, sobre as 20:30 horas deste luns, no lugar do Orbellido, en Baíñas, concretamente, na AC-441.

Foi a esa hora, cando un particular alertou ao 112 Galicia dun choque entre un camión e un turismo e cunha persoa atrapada no interior do turismo. Así, o 112 Galicia, pasou aviso decontado ao 061-Urxencias Sanitarias e aos Bombeiros de Cee. Do mesmo xeito, informou aos axentes de Tráfico e aos efectivos de Protección Civil.

Tras chegar ao lugar, os Bombeiros confirmaron ao persoal do 112 Galicia a excarceración do condutor do turismo. Ademais, sinalaron  que  aínda que ía consciente, o ferido  presentaba múltiples lesións que parecían revestir gravidade.

Nada mais ser evacuado polos servizos sanitarios, o persoal de mantemento da estrada encargouse da limpeza da vía.

Colisión múltiple en Santiago

Esta maña, minutos antes das 08:00 horas, persoal sanitario informaba ao 112 Galicia dun choque entre catro vehículos na AG-56, no punto quilométrico 1.900, á altura de Laraño, en Santiago de Compostela. Ademais, indicaban que dúas persoas resultaran feridas de carácter leve.

Tras recibir o aviso, dende o 112 Galicia informouse da situación á Garda Civil de Tráfico, Bombeiros de Santiago e aos efectivos de Protección Civil.

Comentar noticia

Your email address will not be published.