Excursión Centro Galego de Barcelona ao Parque Natural de Sant Llorenç de Munt i l’ Obac

Publicado por o día 20/01/2020 na sección de Social

Excursión Centro Galego de Barcelona ao Parque Natural de Sant Llorenç de Munt i l’ Obac

Tras as vacacións do Nadal, o Centro Galego de Barcelona retomou onte as súas actividades de lecer e convivencia cunha nova camiñada na que participou un grupo de socios e que tivo como destino o Parque Natural de Sant Llorenç de Munt i l’ Obac, na provincia de Barcelona. O pequeno e pintoresco pobo de Mura foi o punto de partida dun roteiro circular que ascendeu ata o Pujol da Mata, cume destacado de 770 metros de altitude, desde as que se goza dunha das mellores vistas da zona.

Ademais de pasear polas ruelas empedradas de Mura, pobo restaurado e cun gran encanto rural, os socios do Centro Galego visitaron a cova do Muronell e a Sesta Ferestega, bosque máxico de aciñeiras rodeado de rocas, desde onde ascenderon ao Pujol del Llobet percorrendo as paisaxes típicas deste parque de rochas únicas de conglomerado e cunha orografía crebada e de pequenos outeiros.

Cunha superficie de máis de 13.000 hectáreas repartidas entre as comarcas do Bages, Vallés Occidental e Moyanés, o Parque Natural de Sant Llorenç de Munt i Serra de l’ Obac, de gran interese paisaxístico, biolóxico e cultural, forma parte da Rede de Espazos Protexidos promovidos e xestionados pola Deputación de Barcelona.

O Centro Galego de Barcelona programa regularmente excursións a destinos naturais de Cataluña que destacan pola súa paisaxe, natureza e historia, co dobre obxectivo de fomentar a convivencia entre os socios e de ampliar o seu coñecemento sobre o territorio catalán.

Comentar noticia

Your email address will not be published.