Éxito de asistencia e organización na BTTroita 2018 de Ponte Caldelas

Publicado por o día 24/09/2018 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

Éxito de asistencia e organización na BTTroita 2018 de Ponte Caldelas

O Concello de  Ponte Caldelas celebrou unha nova  edición da súa proba de  ciclismo todo terreo, BTTroita, na que participaron uns 300 ciclistas chegados dende distintos puntos de Galicia. A xornada celebrouse nun ambiente  fantástico e cun tempo espectacular para cubrir os case 40 Km do percorrido.

Antes do comezo da proba e cos ciclistas preparados para comezar o percorrido gardouse un minuto de silencio en memoria de Marcio Pérez Santana, o veciño de Anceu que resultou morto en estrañas circunstancias polos disparos da Policía Militar brasileira en Salvador de Bahía.

A organización técnica estivo a cargo da empresa Global DxT Pontevedra, que garantiu un percorrido perfectamente  sinalizado,  un  punto de avituallamento e unha espectacular fun zone na liña de saída e meta.

O Concello apoiou tamén a proba cun amplo dispositivo de Protección Civil, coordinado coa Policía Local e a Garda Civil, dado que a proba, aínda que discorreu fundamentalmente polos montes  caldelás, tamén ocupou algúns tramos de  asfalto.

Na entrega de premios, presidida polo tenente de alcalde Enrique Vidal, galardounouse ao participante de maior idade, que conta 60 anos,  e ao de menor idade, con 17. Tamén ao club máis numeroso, que resultou ser o Rachacunetas.