Éxito de participación na convocatoria da Bienal do Simposio de Escultura da Festa do Marisco 2019

Téñense presentado 33 proxectos procedentes de máis de 20 países.
Publicado por o día 11/06/2019 na sección de Galicia,O Grove

Éxito de participación na convocatoria da Bienal do Simposio de Escultura da Festa do Marisco 2019

A consolidación da atracción do Simposio de Escultura da Festa do Marisco confirmase en cada convocatoria. Tras pecharse o período de presentación de proxectos o pasado venres, foron 33 as propostas recollidas no Concello sendo especialmente chamativa a diversidade de nacionalidades das que proceden as mesmas. Deste xeito, ata O Grove teñen chegado os deseños de artistas de Bulgaria, Montenegro, Irán, México, Ucraína, Arxentina, Portugal, Macedonia do Norte, Gran Bretaña, Rusia, Italia, Bielorrusia, Georgia, Xapón, Canadá, Polonia, Taiwán, Xapón, Corea do Sur, Francia ou Bélxica, ademais, por suposto, de varias propostas de España.

Agora será o xurado profesional, composto por escultores e críticos de arte, o que deberá dirimir cales destas obras serán as tres que, dende unha semanas antes do comezo da Festa do Marisco en outubro, traballen ao aire libre na zona de Beiramar para facer reais as súas propostas en granito galego. Este simposio chega este ano a súa V edición como Bienal, sumando obras escultóricas de grandísimo nivel ao patrimonio local dende que comezara, ao principio con carácter anual, no ano 1990.

A previsión é que o xurado se reúna nas vindeiras semanas para poder organizar a importante loxística que supón poñer en marcha este importante Simposio.

Comentar noticia

Your email address will not be published.