Éxito de participación nas propostas da Área de Envellecemento Activo de Afundación

Os once Espazos +60 de Afundación realizarán o seu descanso estival durante o mes de agosto e comezarán un novo curso no mes de setembro
Publicado por o día 29/07/2019 na sección de Social

Éxito de participación nas propostas da Área de Envellecemento Activo de Afundación

Afundación, a Obra Social de ABANCA, acadou un gran éxito de participación nas súas actividades e programas desenvoltos pola súa Área de Envellecemento Activo, reafirmando a súa posición de liderado neste eido en Galicia. No contexto da coñecida como revolución da lonxevidade, Afundación desenvolve unha innovadora programación que sitúa á entidade como un axente relevante no impulso do envellecemento activo, ofrecendo na súa rede de centros denominados Espazos +60, 11 en total, oportunidades de crecer persoalmente, de achegar á comunidade, de formarse e conectar coa actualidade, ao mesmo tempo que se desenvolven hábitos de vida saudables e se mantén unha rede de relacións dinámica. No curso 2018-2019 superáronse as 14.000 persoas socias, cun significativo aumento da participación, do 15%, en todas as actividades que se promoven. Os Espazos +60 pecharán as súas portas o vindeiro mércores 31 e retomarán as actividades o 2 de setembro.

En palabras da coordinadora da Área de Envellecemento Activo da entidade, Sabela Couceiro, «o incremento da esperanza de vida representa un gran logro social que, xunto cos cambios nos perfís das persoas maiores con estilos de vida máis activos e independentes, obríganos a repensar o noso curso de vida, a construción social da vellez e o modo de afrontar este período vital cuxo inicio cada vez é máis difuso. Neste contexto da revolución da lonxevidade, desde Afundación temos o reto de seguir innovando para desenvolver un modelo adecuado ás novas necesidades e expectativas das persoas maiores».

VOLUNTARIADO

Dentro da prioridade estratéxica de Afundación de identificar e desenvolver oportunidades para poñer en valor o talento e a experiencia vital e profesional do colectivo sénior, e de maneira particular para favorecer o intercambio cos mozos e o enriquecemento mutuo, Afundación incorporou este curso escolar o seu proxecto «Falamos da escola», desde a experiencia do programa «Fálame da emigración», ao que se suman outras actividades interxeracionais nas que participaron como voluntarias 584 persoas maiores.

Ambos os dous proxectos propician a celebración de encontros entre estudantes de secundaria de centros escolares de toda Galicia e maiores voluntarios socios dos Espazos +60 de Afundación para dialogar, no primeiro caso, sobre as súas vivencias na emigración, e no segundo, e que supuxo a novidade deste curso, sobre a experiencia escolar dos maiores.

INVESTIGACIÓN E FORMACIÓN

Durante este último curso desde a Área de Envellecemento Activo de Afundación desenvolvéronse novos proxectos de investigación e formación para coñecer mellor os perfís das persoas que están nesta etapa vital e ofrecerlles propostas que poidan contribuír a mellorar a calidade de vida.

Unha das conclusións principais dos estudos que se realizaron entre os socios e socias dos Espazos +60 é que este colectivo se caracteriza de forma xeral pola súa actitude positiva ante a etapa da madurez, que afrontan con consciencia do paso do tempo e que, á súa vez, lles ensina a vivir o presente con plenitude. Así, un 66% realiza con frecuencia actividades deportivas, o 52% participa con asiduidade en actividades culturais e formativas e un 49% realiza habitualmente viaxes particulares. Ademais, un 70% estaría interesado en participar en accións de voluntariado nas que puidesen achegar a súa experiencia. As respostas obtidas poñen de manifesto que se están incorporando progresivamente ao mundo dixital: a maioría posúe un dispositivo

smartphone e usa servizos de mensaxería instantánea (80%) e correo electrónico (66%). Utilizan en menor medida as redes sociais (35%) e son máis remisos a realizar compras online (17%). As súas principais preocupacións son a saúde (76%) e a situación económica persoal (65%) ou a dos seus descendentes (54%).

PROGRAMAS E ACTIVIDADES

O reto da Área de Envellecemento Activo de Afundación é facilitar oportunidades para que as persoas maiores sigan desenvolvendo o seu proxecto vital a través de accións que respondan as súas necesidades, intereses e expectativas, adaptándose aos novos e diversos perfís que se incorporan, cun maior nivel de instrución e de manexo da internet.

Neste curso 2018-2019, que agora finaliza, desenvolvéronse unha media de 100 actividades ao mes, centradas en cinco liñas de traballo: cultura dixital, hábitos saudables, formación e coñecemento, cultura e expresión artística e lecer activo e relacional.

Comentar noticia

Your email address will not be published.