Un experto europeo en terrorismo advirte do perigo de encadear persoas “simplemente por radicalizarse”

John Vervaele é o presidente da Asociación Internacional de Dereito Penal
Publicado por o día 25/10/2017 na sección de Universidade de Vigo

Un experto europeo en terrorismo advirte do perigo de encadear persoas “simplemente por radicalizarse”

Como pode actuar o Dereito ante un terrorismo de carácter transnacional que esixe unha resposta a nivel internacional? De que maneira pode responder o sistema penal fronte a este novo tipo de ameaza? Estas son algunhas das preguntas as que hoxe tratou de responder un dos maiores expertos cos que se conta en Europa nestas cuestións, o profesor da Universidade de Utrech John Vervaele, actual presidente da Asociación Internacional de Dereito Penal (AIDP), que foi a persoa elixida para abrir o programa das I Xornadas de Internacionalización da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, un programa que se prolongará ata o vindeiro mes de decembro e que traerá ao centro dez especialistas de diferentes institucións europeas e americanas que achegarán ao alumnado e persoal docente vigués a perspectiva internacional das principais materias coas que están acostumados a traballar.

“Nos últimos anos tivemos a desgraza de vivir un gran número de atentados terroristas, tanto en Siria como aquí en Europa e tamén no resto do mundo e debemos reflexionar sobre as medidas que tomaron os diferentes gobernos internacionais, a Organización das Nacións Unidas e a Unión Europea para contrarrestar este fenómeno”, indicou Vervaele ao público que asistiu á conferencia, maioritariamente alumnas e alumnos do Programa de Simultaneidade ADE-Dereito. “Temos que formularnos se estas medidas, dentro do que é o Dereito Penal, teñen ou non sentido”, recalcou o experto, ao tempo que admitiu ser bastante crítico con algunhas medidas “no senso de que estamos a criminalizar o que en Dereito se chama o dereito penal do autor, é dicir, o propio pensamento da xente, e o que debería penalizarse son as condutas ilícitas constatables, feitos que xa se cometeron e que fan dano á sociedade, non criminalizar a ideoloxía. Isto pode ser certamente perigoso”.

Sen deixar de cualificar o radicalismo como un problema grave, o experto fixo fincapé en que o Dereito Penal “non é o camiño idóneo para solucionalo”, senón que, pola contra, “ten que haber detrás un traballo de seguimento das mozas e mozos, moito labor social e educativo e probablemente tamén unha tarefa importante por parte dos servizos secretos, pero o que non podemos facer é penalizalos de antemán”, recalcou, ao tempo que fixo fincapé en que “mandar á cadea a mozas e mozos porque se radicalicen, sen que teñan cometido ningún feito delituoso non penso que sexa, precisamente, o máis conveniente para resolver o problema de terrorismo internacional que vivimos na actualidade”, recalcou o docente, presentado nesta ocasión pola catedrática viguesa Esther Pillado, quen incidiu nos trinta anos de experiencia do profesor Vervaele en dereito penal e procesal penal europeo así como en cuestións relacionadas especificamente con terrorismo internacional.

As visitas internacionais prolongaranse ata decembro

O programa das xornadas continuará mañá xoves coa participación do avogado galego residente en Washington Manuel S. Varela que afondará nos detalles da exportación do sistema xurídico norteamericano a España. “Trátase de fomentar o intercambio co profesorado de universidades doutros países e, ao fío das conferencias, fortalecer as relacións da nosa facultade con outros centros”, indicou o vicedecano Francisco Torres, quen tamén explicou que cada unha das dez actividades programadas ata decembro están vinculada a cadansúa área de coñecemento da facultade. “Haberá conferencias ata o vindeiro mes de decembro, todas serán no propio centro e de libre acceso para calquera persoa interesada”, recalcou o docente.

En canto ao programa das xornadas Torres indicou que todos os relatores “son profesores de prestixio referentes na súa materia” chegados de países como Italia, Francia, Malta ou Panamá.