Expertos en enerxía, medio ambiente e desenvolvemento sostible daranse cita no primeiro obradoiro anual da Cátedra Fenosa

Celebrarase o 3 de novembro na sede en Vigo da Fundación Barrié
Publicado por o día 28/10/2017 na sección de Medio Ambiente,Universidade de Vigo

Expertos en enerxía, medio ambiente e desenvolvemento sostible daranse cita no primeiro obradoiro anual da Cátedra Fenosa

Académicos, representantes do mundo da empresa e dos medios de comunicación e decisores políticos daranse cita o vindeiro venres 3 de novembro na sede viguesa da Fundación Barrié no primeiro obradoiro anual da Cátedra Fenosa. Co obxectivo de contribuír a difundir entre a sociedade o coñecemento académico xerado en temáticas como enerxía, medio ambiente e desenvolvemento sostible, o obradoiro, que servirá de punto de encontro e debate entre as e os representantes de diversos ámbitos, é unha das actividades recollidas no último convenio da Cátedra Fenosa, que dirixen o catedrático e o docente e investigador da Universidade de Vigo, Xavier Labandeira e Juan Antonio Añel.

“A pesar de que a cátedra existe desde hai anos, o último convenio asinado establece a realización anual dun evento destas características. Nesta ocasión apostamos por un formato variado coa presentación dos traballos de investigación da cátedra, unha ponencia a cargo de Alberto Troccoli, director do World Energy&Meteorology Council e un panel con debate, con presenza de representantes de diversos ámbitos”, explica Labandeira, sobre o contido o obradoiro, que será inaugurado polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta, Beatriz Mato e o delegado de Gas Natural Fenosa en Galicia, Manuel Fernández.

A xornada rematará cunha mesa sobre transición a economías baixas en carbono na que tomarán parte a concelleira de urbanismo do Concello de Vigo, María José Caride; Antonio Canoyra responsable de Mercados Ibéricos Organizados de Electricidad de Gas Natural Fenosa; o xornalista de Faro de Vigo Julio Pérez e Xavier Labandeira.

Un dos maiores expertos mundiais no campo que enlaza enerxía e meteoroloxía

O exercito italiano, o Centro Europeo de Predición Meteorolóxica, a NASA o CSIRO en Australia, son algúns dos organismos nos que Alberto Troccoli desenvolveu a súa actividade. “O director do World Energy&Meteorology Council é un dos maiores expertos internacionais no campo que enlaza a enerxía ca meteoroloxía, ten editados varios libros e coordina na actualidade un dos proxectos Copernicus da UE específico sobre clima e enerxía”, explica Juan Antonio Añel, que sinala que o enlace entre meteoroloxía e cambio climático é unha da tarefas nas que se centran os estudos da cátedra e “é de grande importancia xeoestratéxica para Galicia e España. De aí a relevancia que cremos ten contar coa súa opinión”.

Trala inauguración, o obradoiro comezará cunha presentación a cargo de Labandeira e Añel das investigacións desenvolvidas pola Cátedra Fenosa que ambos dirixen “sobre o impacto da meteoroloxía extrema e o cambio climático na xeración de enerxía. Tamén exporemos resultados de liñas de traballo futuras sobre modelización de vento e enerxía eólica”, explica o catedrático da Universidade de Vigo. En relación coa mesa redonda sobre transición a economías baixas en carbono que pechará a xornada, Xavier Labandeira lembra que estamos iniciando un proceso destas características despois do Acordo de Parín e segundo a folla de ruta da UE cara a mediados de século. “Isto implica que haberá que promover mudanzas relativamente radicais nun curto espazo de tempo na maioría dos sectores: enerxía, transporte, urbanismo, etc. e a mesa redonda pretende servir como reflexión neste eido, incorporando xente con distintas perspectivas e papeis na sociedade”, explica Labandeira.