Expertos de España e Italia analizan en Vigo o pasado e o futuro da industria do automóbil

“Citroën chegou en 1958 a unha cidade que sabía pescar e facer barcos e agora sabe facer os mellores coches”, destacou Caballero na inauguración dun Congreso España-Italia de Historia Económica que se desenvolve hoxe venres e mañá na Facultade de Económicas.
Por o 20/10/2017 | Sección: Concello de Vigo,Galicia,Motor,Vigo
Expertos de España e Italia analizan en Vigo o pasado e o futuro da industria do automóbil

A industria do automóbil en España e Italia centran a décima edición do Congreso España-Italia de Historia Económica, que se inaugurou hoxe na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo e celebrarase ata mañá. No acto de inauguración participou Abel Caballero, que destacou a importancia vital que esta industria ten na cidade. “A industria da automoción é a historia da modernidade. O século XXI está cheo de novos retos que hai que afrontar desde o coñecemento da historia. Citroën chegou en 1958 a unha cidade que sabía pescar e facer barcos e agora sabe facer os mellores coches, coa mellor tecnoloxía e cunha industria auxiliar que atende a fabricantes de todo o mundo”, afirmou. Por outra banda, o rexedor criticou a falta de política industrial desde as administracións competentes, unha estratexia que considerou un erro moi grande para o presente e, sobre todo, para o futuro.

Xunto ao alcalde estiveron o decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Vigo, Santiago Gómez; Pedro Hortas, director de Comunicación do Grupo PSA, e membros do comité organizador doutras universidades. A conferencia inaugural correu a cargo de Juan José Areal Alonso, do Grupo PSA. Vigo, que versou sobre “PSA: hacia la Fábrica del Futuro”.
O papel das Zonas Francas no desenvolvemento da industria automobilística, os comezos e consolidación de Citroën en España, a metamorfose de Seat e a traxectoria da Opel en España son algúns dos temas que se analizan neste congreso, que chega á cidade olívica tras pasar por outras cidades de ambos os países.

Os Congresos Italia-España de Historia Económica xurdiron a finais da década de 1990. O primeiro deles tivo lugar en Bari en 1999. O tema elixido nesta ocasión é o de “A industria do automóbil en España e Italia: produción e consumo”.

Vigo elixiuse como sede deste encontro pola súa longa experiencia no sector, xa que desde a década de 1950 convive cunha importante industria automobilística nucleada ao redor de Citroën e as empresas auxiliares, que actualmente proporcionan máis de 19.000 mil empregos totais, xeran uns 43.000 empregos directos e indirectos, preto do 15% do PIB de Galicia, con máis de 8.000 millóns de euros, e case un terzo das exportacións totais galegas.

Noticias de última hora en Vigo