Expertos lusófonos participan no campus nun seminario sobre investigación en xénero

A visita dara lugar a novos espazos de traballo comúns no ámbito dos estudos de posgrao
Publicado por o día 21/05/2018 na sección de Universidade de Vigo

Expertos lusófonos participan no campus nun seminario sobre investigación en xénero

Os investigadores Mário César Lugarinho e Emerson da Cruz Inácio, son dúas das figuras máis destacadas do ámbito académico lusófono e dos estudos poscoloniais especializados en teoría queer, estudos LGBTI, xénero e novas masculinidades e estudos africanos. Ambos manteñen unha fluída relación con investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo e, froito desta relación, este luns visitaron a Facultade de Filoloxía e Tradución para participar no Seminario de formación de posgraoInterseccionalidades: Xénero e Afrodescendencia, unha actividade coorganizada por diferentes departamentos do centro e que xurdiu da vontade de dara a coñecer “ a interseccionalidade que conforman as sociedades e as culturas, a través da análise do mundo lusófono”, tal e como subliñou na apertura do acto a profesora  Teresa Bermúdez Montes, coordinadora do seminario, que insistiu tamén na idea de que, malia a ponte que nos ofrece a proximidade coa lingua portuguesa, “non sempre se presta a atención que merecen os estudos e as producións intelectuais nesa lingua”.

Tanto o profesor Lugarinho como Inácio  posúen unha moi recoñecida produción científica e unha dilatada traxectoria como docentes na prestixiosa Universidade de São Paulo, a súa institución de orixe, completada con estadías como profesores visitantes noutras universidades, tanto en Europa (Lisboa, Oporto) como en Asia (Macau). “O compromiso co proxección social dos estudos académicos e coa visibilización de colectivos estigmatizados é outro elemento caracterizador das súas traxectorias: Mário Lugarinho foi un dos fundadores a Associação Brasileira de Estudos da Homocultura (ABEH), en 2001”, apunta Bermúdez, ao tempo que fai fincapé en que grazas ao contacto en congresos, simposios e outros encontros académicos no Brasil, comezaron a colaborar en proxectos de investigación e a establecer vínculos baseados nas liñas comúns co Feminario, na intersección de intereses, metodoloxías, perspectivas e obxectivos. “Isto permítenos agora poder contar coa súa presenza na nosa Universidade, que esperamos que contribúa a consolidar os lazos existentes e a articular novos espazos de traballo comúns no ámbito dos estudos de posgrao”, recalca Bermúdez.

Remarcando a importancia de “visibilizar e dar luz”

Xunto a Bermúdez, a apertura do congreso contou coa participación da vicedecana de Calidade, Susana Rodríguez, que fixo fincapé na importancia de celebrar este tipo de encontros para “visibilizar e dar luz a aquelas persoas que todo pode soarlle moi lonxano, moi distante, pero que non é así” e da profesora Belén Martín Lucas, responsable do Feminario dentro grupo de investigación Bifega, unha das entidades coorganizadoras do encontro, xunto co proxecto Bodies in Transit/Cuerpos en Tránsito (BiT), o programa de doutoramento interuniversitario de Estudos Literarios e a I Cátedra Internacional José Saramago. “Organizamos este seminario coa idea de que sexa un espazo para o diálogo e para debater”, explicou Martín Lucas, que convidou con especial énfase ao alumnado de doutoramento a participar na rolda aberta de intervencións tras as conferencias dos investigadores convidados.
O principal obxectivo do encontro foi, por unha banda, dar a coñecer as perspectivas da investigación en xénero, africanidades, LGBTIQ nun centro tan efervescente e dinámico como a Universidade de São Paulo; e, por outra, desenvolver e potenciar liñas de investigación conxuntas cos diferentes grupos de investigación que participaron na organización do seminario.

Tras a apertura, o primeiro en intervir foi o profesor Emerson da Cruz Inácio, que impartiu a conferencia Interseccionalidades, corPoema: apontamentos críticos e, logo dunha pequena pausa, colleu a remuda Mário César Lugarinho co relatorio Metamorfoses de género: a rainha N’zinga M’bandi. “Que saibamos esta é a primeira vez que se abordan estas interseccionalidades (entre xénero, construción e representación das identidades, africanidades) desde a punto de vista brasileiro e, en xeral, dos estudos lusófonos. Polo menos, é a primeira vez que o Feminario-BIFEGA e o proxecto BiT promove o seu tratamento na Facultade de Filoxía e Tradución”, recalcou a profesora Bermúdez.