Explicación do BNG ante o escrito solicitando a baixa no grupo municipal da concelleira Sabela Landín

Na rolda de prensa ofrecida onte, tanto o responsábel local, César Lourido, como o portavoz municipal, Pedro Pereira informaron sobre os motivos que levaron á organización nacionalista a presentar no Concello, o día 30 de decembro, un escrito solicitando a baixa no grupo municipal da concelleira Sabela Landín.
Publicado por o día 12/01/2017 na sección de BNG,Galicia,O Porriño,Política

Explicación do BNG ante o escrito solicitando a baixa no grupo municipal da concelleira Sabela Landín

O responsábel local comentou en primeiro lugar que o Bloque Nacionalista Galego do Porriño elaborou para as eleccións municipais unha candidatura coa incorporación de persoas novas, co obxectivo de ampliar a pluralidade no debate, procurando a achega de novas propostas para dar resposta ás demandas sociais da veciñanza e pensando no futuro da organización. Nesa liña decidiuse a incorporación de Sabela Landín no posto nº 2, unha persoa independente, que adquiriu co BNG o compromiso de acatar o seu ideario político e o seu código ético.

Despois de iniciada a lexislatura, explica Cesar Lourido, “a organización percibe que hai unha falla de implicación e participación da concelleira nos órganos internos. Esta situación agrávase a partir de comezos do 2016, defraudando co seu comportamento á organización e en consecuencia ao electorado, xa que o BNG funciona dun xeito asembleario, favorecendo o debate colectivo e participativo para a elaboración das distintas iniciativas que se presentan no ámbito institucional. Unha mecánica de funcionamento moi necesaria, que sempre se deu”.

Ante a decisión tomada por Sabela Landín de non participar nos órganos internos do BNG, impedindo todos os intentos da organización de reconducir a situación, a Asemblea Local acorda por unanimidade solicitarlle a entrega da acta para que favorecese o lóxico relevo no grupo municipal.

Esta decisión foi posta en coñecemento dos órganos comarcais e nacionais. Unha vez comunicada esta resolución e tendo coñecemento de que non vai proceder á entrega da acta, incumprindo así o código ético do BNG e o seu compromiso coa organización, o Consello Local acorda presentar un escrito dirixido á Secretaría do Concello onde se indica que a concelleira Sabela Landín causa baixa no grupo municipal do BNG. A falla de implicación e participación no debate interno por parte de Sabela Landín dificulta a realización do traballo institucional que se lle esixe ao grupo. A nosa organización, obrigada polo mandato cidadán, debe actuar con responsabilidade e tratar de corrixir esta situación.

O portavoz do grupo municipal, Pedro Pereira, manifestou que ademais, nos últimos meses, iniciou a participación e colaboración co goberno municipal -para elaborar a proposta dun regulamento municipal- totalmente á marxe da dirección local do BNG. Este feito non é en absoluto defendible nin xustificable cando se concorre a unhas eleccións dentro dunha formación política que non está no goberno”, afirmou Pedro Pereira.

Ante este feitos, alleos por completo á vontade do BNG, Pedro Pereira, en nome do Bloque Nacionalista Galego e do grupo municipal, “pide desculpas públicas ao seu electorado e ao pobo do Porriño. Consideramos que o BNG como organización política seria e responsable crea unhas expectativas de traballo público e institucional que non poden verse truncadas por este tipo de decisións persoais dun cargo electo. O BNG fixo unha aposta de futuro coa incorporación de Sabela Landín que non saíu como nós esperabamos. Pero, de confirmarse finalmente que non quere ceder a súa acta de concelleira ao grupo polo que foi escollida para estar na corporación, que non caiba dúbida que o BNG vai seguir mantendo o seu ideario político no traballo institucional como fixo sempre”, asegurou.

O BNG seguirá traballado, somos unha organización política seria e responsable, que sempre tivo representación institucional no Porriño e abordaremos no ámbito institucional todos os temas de interese para O Porriño. O máis inmediato e importante é tratar os orzamentos municipais do ano 2017. Para iso é preciso que o goberno cumpra o seu labor e traslade aos grupos da oposición unha proposta de orzamentos e achegue a documentación económica solicitada polo BNG, cousa que o goberno non fixo até agora. “Unha vez que o goberno local cumpra a súa parte e faga ese traballo, o BNG asistirá a todas as reunións necesarias para avanzar nos orzamentos e traballar polos acordos necesarios”.

En referencia ás declaracións da Alcaldesa solicitando unha reunión de ámbito privado co portavoz municipal do BNG para tratar distintos temas, Pedro Pereira manifestou que “non me vou reunir coa alcaldesa nun encontro privado porque non hai asuntos privados que tratar coa alcaldía. Todos os temas relativos ao funcionamento municipal son de ámbito institucional e de interese público, así que o BNG asistirá a aquelas reunións que se convoquen polas canles establecidas para a interlocución entre os distintos grupos da corporación”.