A exposición “Auga, o sangue da terra” de Manuel Valcárcel poderá visitarse en Tui do 1 ao 22 de febreiro

A mostra chega á cidade froito do convenio asinado entre o Concello de Tui, ABANCA e Afundación
Por o 22/01/2018 | Sección: Eventos,Galicia,Tui
A exposición “Auga, o sangue da terra” de Manuel Valcárcel poderá visitarse en Tui do 1 ao 22 de febreiro

Do 1 ao 22 de febreiro a Sala de Exposicións Municipal, na Área Panorámica, acollerá a exposición «Auga, o sangue da terra» de Manuel Valcárcel. Esta mostra chegará a Tui grazas ao convenio de colaboración cultural asinado esta mañá polo o alcalde, Carlos Vázquez Padín; a directora de Oficina de ABANCA de Tui, Uxía Arranz Costas; e a Coordinadora da Área de Cultura de Afundación, Marité Cores.  Asistiron tamén o concelleiro de Cultura, Patrimonio e Medio Ambiente, Eduardo Freiría, e a directora da outra Oficina da ABANCA de Tui, Mª Teba García.

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, amosou a súa satisfacción por poder chegar a este acordo con ABANCA e Afundación, acordo que agarda “sexa o primeiro de moitos sucesivos”. Lembrou que Tui “é unha das cidades máis importantes de Galicia dende a perspectiva histórica, monumental e artística” apuntando a importancia de sumar sinerxias con entidades máis fortes.

O concelleiro de Cultura, Patrimonio, e Medio Ambiente, Eduardo Freiría, agradeceu a ABANCA e AFundación a colaboración establecida para esta exposición que integra a arte e o coidado dos recursos naturais chegue a Tui e poder así ampliar a extensa oferta cultural da cidade. Dicía que isto é so un comezo e agardan seguir colaborando.

A Coordinadora da Área de Cultura de Afundación, Marité Cores, explicou que este convenio forma parte da corrente cultural que teñen establecido para poder compartir o proxecto cultural por todas as localidades de Galicia.  Mentres a directora de Oficina de ABANCA de Tui, Uxía Arranz Costas, apuntou que este convenio contribúe a enriquecer a axenda cultural do municipio e se converte nun atractivo turístico máis.

exposición «Auga, o sangue da terra», que será inaugurada o 1 de febreiro ás 19.30h, realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Celandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a conca do lucense río Lor foron fotografados por Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a auga como elemento vital e amosar como inflúe a presenza ou ausencia de auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas.

As imaxes están distribuídas en tres bloques. O primeiro, «Os estados da auga», recolle fotografías tomadas en Nova Celandia e Galicia, co río Lor como protagonista, que plasman o paso da auga en estado sólido ao líquido e, ao mesmo tempo, os engarces entre a montaña e o mar.

«A auga e a vida» conforma o segundo bloque con imaxes de dous lugares do continente asiático. Un deles é Varanasi, na India, por onde pasa o río Ganges, que forma parte da vida espiritual dos hindús e é destino sacro de peregrinación. O segundo lugar é Longshen Guilin, na China, onde o manexo da auga por parte do ser humano determinou a paisaxe. As ladeiras reconstruíronse con terrazas nas que se cultiva o arroz.

«Vivindo na escaseza» é o último bloque que trata sobre a escaseza e ausencia de auga. Inclúe imaxes de Malí e os seus pescadores bozo, quen, aproveitando a época seca, recollen todo o peixe que poden no río Níxer para despois vendelo. A escaseza de auga tamén se ilustra con imaxes do deserto de Atacama, onde a seca deu lugar a unha paisaxe lunar.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.