Exposición “Castrelos, 800 anos de arte románica: unha visión contemporánea”

Publicado por o día 05/09/2016 na sección de Cultura,Vigo

Exposición “Castrelos, 800 anos de arte románica: unha visión contemporánea”

A arte románica en Vigo ten data: 1216. É o ano da construción da igrexa de santa María de Castrelos, un dos exemplos mellor conservados do románico rural galego. No ano que andamos, pois, cúmprense os 800 deste monumento, e o profesorado e alumnado da Escola de Artes e Oficios de Vigo acordaron, a comezos do curso 2015-2016, adicarlle a exposición do proxecto colectivo que pecha este ano académico.

Quíxose, con esta elección, facer un recoñecemento, unha conmemoración dende a contemporaneidade, desta arte secular; pero tamén un irmanamento: a Escola de Artes e Oficios de Vigo cumpre, neste 2016, 130 anos de idade: complicidades de respectables centenarias institucións.

Ancorada nese precioso anaco da historia da arte que representa Castrelos, a proposta expositiva que se presenta hoxe é o resultado dunha visita consciente, necesaria e creativa ao noso pasado; resultado da plasmación material da visión que, dende o presente dun centro educativo que forma nos oficios artísticos, se proxecta sobre o espectador chamándoo ao recoñecemento, á valoración do propio, a lér a historia dende o presente, a decatarse do fío que conduce á Artesanía e á Arte dende o máis remoto pasado ata a actualidade.

A Mostra presenta, a través das obras que se espoñen, esa visita e reflexión colectiva, esa visión admirada do noso alumnado a un elemento tan relevante do noso patrimonio cultural, na conciencia de que a igrexa románica de Castrelos debe ser re-coñecida e valorada pola cidade.

En todas as obras plásmanse materialmente os obxectivos de excelencia técnica e creatividade que figuran como base do proxecto formativo da nosa Escola de Artes.

A dirección do alumnado e da montaxe de cada unha das obras expostas, correspondeu ao profesorado de cada especialidade participante. Na exposición, producida integramente pola EMAO, participan con obra propia colectiva, os obradoiros de Debuxo (profesor: Federico Fernández), Cerámica artística (profesor Miguel Vázquez), Serigrafía artística (profesora Alba Pardo), Pintura (profesora Paula Mariño), Talla e escultura en madeira (profesora Rosa García), Ourivaría (profesora Sandra de Jesús), Deseño e encaixe de Palillos (profesora Marian Núñez), Artesanía en Coiro (profesor Pepe Pereira), Luthería antiga (profesor Ramón R. Casal) e Construción de Gaita (profesor Carlos Corral).

O acto da inauguración iniciarase coa interpretación musical de dúas pezas da lírica medieval a cargo de Paulina Ceremużyńska e Carlos Castro.

Lugar: Espazo EMAO, edificio da Escola, entradas polas rúas Pontevedra e Rosalía de Castro

Datas: do 1 de setembro ao 14 de outubro de 2016

Horario de apertura: de luns a venres de 19:00 a 21:00 horas